Mar maior
Cultura
08 Nov 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Teño a gran sorte de ter varias fiestras na casa dende as que podo ver un anaco do noso Atlántico todos os días, mais sempre con permiso das néboas que por aquí tamén son abondosas. E se non o vexo, por mor das brétemas, podo cheiralo e sentilo porque a súa presenza inúndao todo.
Vivo no alto dun val polo que baixan varios regatos que finalmente conflúen creando un río que desemboca na Praia de Barrañán?Arteixo, o areal da miña infancia e o anaco de mar que podo ver dende as xanelas da casa. As circunstancias da vida fixeron que acabase vivindo neste lugar do que tantos recordos teño en diferentes etapas da miña vida e co mar sempre presente. Un dos mares máis bravos e fermosos de toda a costa galega do que tantas veces ten escrito o meu amigo e gran relator das historias do lugar Xabier Maceiras. E hoxe, con alerta laranxa nese mar esperando unha vermella para os vindeiros días, miro para el abraiado pola súa potencia e bravura. Sinto o seu son impoñente, incluso noto no meu corpo a vibración da súa forza e reflexiono sobre a valentía das xentes que no seu traballo cotián teñen que saír a buscarse a vida nesa inmensidade. E neste mar fermoso e bravo que teño tan de preto xa teño visto naufraxios, algún deles con traxedia humana, tamén dramáticos afogamentos nas praias, vin os corpos sen vida de moitos cetáceos varados e fun quen, grazas ao meu pai, de deprender o que significa respectar o mar. Máis dunha vez teño levado unhas boas reprimendas por non saber estar como é debido na súa beira e tamén aprendín con el algún que outro dito popular como o de gaivotas no mar, mariñeiros a pescar… Galicia é un pobo con diferentes matices e peculiaridades e unha das grandes influencias da nosa personalidade como pobo é a presenza imperturbable deste Mar Maior tan vivo, cambiante, loado, amado, rexeitado e odiado dende tempos inmemoriais.
Sempre presente na nosa literatura, na nosa música, na nosa personalidade, estes días o mar volve estar espectacular o que significa que non para todos está ben. Eu afortunadamente podo velo, sentilo, ulilo dende as fiestras da miña casa. Para min, un luxo!