Aberta a campaña para elexir a palabra do ano 2023
Cultura
Promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, a iniciativa busca dende o 2014 a difusión do léxico galego
27 Nov 2023. Actualizado a las 21:48 h.
A Real Academia Galega e a Fundación Barrié acaban de abrir a campaña para a elección popular da Palabra do Ano 2023. Igual que ocorre dende o ano 2014, ambas institucións promoven esta escolla colectiva dende o ano 2014 a través do Portal das Palabras, o proxecto web que comparten para a difusión do léxico galego.
O público poderá participar ata o domingo 10 de decembro na fase de recolla de suxestións, da que sairán os vocábulos finalistas. A votación popular desenvolverase entre o martes 12 e o luns 25 de decembro.
A campaña da Palabra do Ano procura identificar voces que incidan dalgunha maneira en cuestións especialmente destacadas na conversa pública dos últimos doce meses, que sinteticen como se viviron comunitariamente ou que estean relacionadas con algún fenómeno ou nova preocupación, en ocasións a través de neoloxismos e noutras a través de voces presentes na lingua dende hai moito tempo. A Palabra do Ano pode sinalar tamén arelas compartidas e permite despedir simbolicamente o ano recibindo o que está a piques de comezar con novos azos.
A última palabra terana as persoas que participen no proceso, que consta de tres fases. A primeira, centrada na proposta de voces, permanece aberta ata o domingo 10 de decembro ás 23:59 horas. Entre o martes 12 e o luns 25 de decembro, someteranse á votación telemática os termos máis significativos e repetidos na primeira fase. Tras as festas do Nadal, a Palabra do Ano darase a coñecer nos últimos días do 2023.
O Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Dende o 2014 convida a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014).