La Voz de Galicia

Tovar no Parlamento

Cultura

Xesús Alonso Montero
Antón Tovar, retratado o 31 de agosto do 2003, cando recibiu o premio literario Celanova Casa dos Poetas.

08 Dec 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Falamos de Antón Tovar Bobillo (1921-2004), sen dúbida unha das voces poéticas máis densas e reveladoras do século XX galego. Xuízos semellantes, con outras palabras, emitiron lectores tan sensibles como Vicente Risco, Álvaro Cunqueiro, Carballo Calero e Carlos Casares, críticos que, no seu día, tamén celebraron a musa cálida e conmovida do poemario en castelán El tren y las cosas (1960). Abordando certos versos deste libro, Cunqueiro suxire que eran «algo que uno oyó, acaso, en Shakespeare».

Cómpre ter moi en conta, tamén, no labor literario de Antón Tovar, a súa prosa, nomeadamente a memorialística, xénero no que publicou dous libros únicos, nas nosas Letras, pola radical sinceridade e pola sorprendente liberdade con que fala de Deus, do sexo, de certos escritores, do comunismo... Refírome a Diario sin datas (1987) e a Diario íntimo dun vello revoltado (2001), que urxe reeditar. Aínda así, moitos pensamos que Tovar non é debidamente coñecido e celebrado entre os letraferidos, o que algúns atribúen á súa militancia comunista e ás súas crenzas ateolóxicas.

Aquí as cousas, hai días, o Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei na que «insta á Xunta de Galicia para poñer en valor a creación literaria de Antón Tovar, un dos máis destacados poetas do século XX...». Engade a proposta que «a Xunta coordinará unha programación ó redor da súa figura que axude a divulgar, xunto con outras institucións do tecido cultural galego, a vida e obra deste mestre das Letras».

Polas miñas noticias, a resolución, iniciativa do Partido Popular, foi aprobada polos tres partidos da Cámara. O texto, redactado inicialmente polo PP, acolleu unha matización do Partido Socialista. En principio, este pronunciamento só parabéns afervoados merece, aínda que debemos sinalar que a medida (tan xusta no presente caso!) pode desacougar a non poucas persoas de espírito crítico. Certamente, se o Parlamento de Galicia se propón, cada ano, revisitar unha personalidade literaria valiosa, terá que propoñer á sociedade galega nomes de valía dignos de seren reeditados, investigados e mellor valorados.


Comentar