La Voz de Galicia

Yolanda Castaño gaña o premio Ramón Piñeiro de ensaio coa obra «Economía e poesía: rimas internas»

Cultura

G. N. Redacción / La Voz
A poeta Yolanda Castaño é unha axitadora cultural consumada, responsable de proxectos como a Residencia Literaria 1863, que, admite, lle supuxo «un investimento brutal» para a súa economía persoal ao non contar con axudas.

O xurado enxalza a capacidade do texto para «abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar os traballadores da palabra en xeral, e da poesía en particular»

14 Dec 2023. Actualizado a las 22:02 h.

A poeta Yolanda Castaño alzouse este xoves co premio Ramón Piñeiro de ensaio 2023 pola súa obra Economía e poesía: rimas internas. O galardón —que impulsan conxuntamente a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega— está dotado economicamente con 3.000 euros e coa publicación do texto [polo selo vigués] durante o próximo ano. A xuntanza do xurado —celebrouse este xoves ás once da mañá nas dependencias do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, en Compostela— concluíu cun ditame que enxalza a capacidade deste ensaio para «abrir un debate sobre a profesionalización do mundo cultural e a necesidade de dignificar os traballadores da palabra en xeral, e da poesía en particular, con remuneracións acordes ao valor e importancia do seu labor», detallan fontes de Galaxia.

Defensora de posicións «fondamente polémicas», a obra de Castaño «critica procederes dos distintos axentes do sistema cultural tendentes á desprofesionalización do oficio autoral e á desvalorización das súas achegas». É esta unha reivindicación na que a poeta nada en Santiago o 19 de abril de 1977 leva implicada moito tempo, dando unha batalla tras outra sen renderse (o que inclúe a creación da Residencia Literaria 1863). Recoñecida hai pouco co Premio Nacional de Poesía por Materia, celebraba acadar por fin a autonomía económica coa súa dedicación profesional ás letras.

Economía e poesía: rimas internas «establece un diálogo complexo, cheo de luces e sombras, que interpela a colectivos, institucións, artistas e profesionais incidindo na aposta polo xusto pagamento aos labores do oficio de poeta, alén das concesións militantes», inciden desde Galaxia. Ensaio controvertido arestado e persoalísimo, o texto bebe da singular experiencia da autora para elaborar «unha crítica do mundo literario galego que, sen dúbida, non deixará a ninguén indiferente».

Castaño, que compaxina a poesía con traballos no xornalismo e a televisión, é unha moi activa dinamizadora cultural, e dende o 2009 dirixe varios proxectos con poetas galegos e internacionais: o ciclo de recitais mensuais Poetas Di(n)versos na Coruña, o Festival Pontepoética de Pontevedra e o Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e Remador, na illa de San Simón.

Publicou o seu primeiro libro en 1995, Elevar as pálpebras.


Comentar