O CGAC ábrese ás músicas improvisadas co ciclo «Concertos en construción»
Cultura

Os recitais correrán ao cargo do Ensemble Liberdade, un formato reducido da Orquestra Galega de Liberación
16 Jan 2024. Actualizado a las 23:03 h.
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Ensemble Liberdade promoven o ciclo Concertos en construción, cunha residencia musical ao redor da idea de construción e da creación musical en tempo real. O museo programa, entre xaneiro e maio, esta iniciativa anovadora que achega os sons contemporáneos a todos os públicos, explorando as infinitas vías que existen e partindo da improvisación como materia prima e usando ferramentas de vangarda como o soundpainting (técnica universal de signos para compoñer en tempo real). O ciclo comezará con dous concertos abertos ao público, o 23 de xaneiro e o 6 de febreiro, e rematará cunha serie de recitais didácticos para públicos infantil e adulto os días 13 e 14 de maio. Correrá ao cargo do Ensemble Liberdade (formato reducido da Orquestra Galega de Liberación), integrado por Elena Vázquez, violín; María José Pámpano, viola; Macarena Montesinos, chelo; Saúl Puga, contrabaixo; Diego Alonso, saxo soprano; Xosé Miguélez, saxo tenor e gaita galega; Javier Pereiro, trompeta; LAR Legido, batería e obxectos; e Xacobe Martínez Antelo na dirección.