La Voz de Galicia

Picasso e Cela

Cultura

Carlos G. Reigosa
Picasso e Cela, nunha visita do escritor á súa residencia no sur de Francia.

27 Jan 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Picasso e Camilo José Cela acabaron consolidando unha grande amizade, despois de que, en 1958, o escritor se afanase por contar co traballo do pintor na revista Papeles de Son Armadans que el fundara dous anos antes en Mallorca. De feito, Cela quería dedicarlle un número de homenaxe ó gran pintor e desexaba que colaborase nas súas páxinas.

Mais Picasso, que soubo das intencións de Cela por boca de Joan Miró, deixou pasar o tempo «galaicamente». Ata que, á fin, pola mediación do fotógrafo David Douglas Duncan e da última muller de Picasso, Jacqueline Roque, o escritor puido encontrarse co pintor. Comeron xuntos, observáronse mutuamente, simpatizaron e, ó cabo, foi xurdindo entre eles unha fonda amizade que daría paso a varias colaboracións, como foi o caso da edición de dous libros de poemas de Cela ilustrados por Picasso.

Neste proceso non cabe a menor dúbida de que tamén foi medrando entre eles un respecto mutuo e unha mutua admiración, xa traducida nunha sincera amizade «entre dous galegos». Porque o gran pintor gustaba de evocar os seus anos coruñeses (entre os 9 e os 14 anos de idade), como tamén acreditou o xornalista galego Antonio D. Olano, residente en Madrid pero nacido en Vilalba (Lugo), que foi un asiduo visitante de Picasso en Francia, a onde algunhas veces lle levaba marisco desde A Coruña.

É ben certo que había un interese persoal —e tamén público— por parte de Camilo José Cela na súa relación con Picasso, pintor xa considerado unha celebridade mundial. Pero tamén é certo que a empatía entre eles tiña fondos raigaños culturais. Porque o escritor xa gozaba dunha gran sona literaria e mantiña un desafío aberto con grandes narradores do boom latinoamericano, isto é, con Gabriel García Márquez, Mario Vargas Llosa e un longo etcétera. En verdade, Cela só amaba ó mexicano Juan Rulfo, home tan silencioso que resultaba amoroso, e ó uruguaio Juan Carlos Onetti, que tampouco se cría un deus. Porque, dentro da literatura, Cela non admitía superiores e considerábase —como era— tan premio Nobel coma os demais. Pero pola dimensión Picasso sempre tivo unha singular debilidade cordial.


Comentar