La Voz de Galicia

«"O Cabronario" gardouse porque non se podía publicar entón en España»

Cultura

jorge lamas vigo / la voz
Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio, bromea co editor do novo libro, Xabier Romero.

Luscofusco Edicións edita 45 poemas inéditos de Celso Emilio Ferreiro

23 Feb 2024. Actualizado a las 05:00 h.

«Este material foi gardado polo meu pai porque daquela non era posible publicalo en España», di Xabier Ferreiro para referirse a O cabronario, un conxunto de poemas escritos polo seu pai, Celso Emilio, nos anos setenta da pasada centuria. Agora xa é posible. Ademais é a estrea de Luscofusco Edicións, o novo selo da compañía Mundo Detrás do Marco, que se suma a Editorial Elvira e Fosfatina Ediciones.

A xénese deste libro sitúase a comezos dos anos setenta en Venezuela como unha continuación do libro Al César enano. «Tras aqueles doce poemas empezaba O cabronario, que é como el denominou este conxunto; pero quedaron gardados nun caixón», explica Xabier Ferreiro, que non dubida en cualificalo como politicamente incorrecto. Pero non todos aqueles poemas medraron en Caracas. Pontevedra e Vigo tamén serviron de berce a aquela «mala uva» que narrou Carlos Casares aos lectores de La Voz de Galicia nun artigo no que falaba en 1992 daqueles poemas. Non era o único que os coñecía. Ramón Nicolás, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Luís Gonçales Blasco, Foz, tamén sabían deles, segundo relata Xabier Ferreiro.

O libro agora publicado por Luscofusco conten 44 poemas inéditos e un soneto, titulado Paco, el cabrón, que si foi publicado nun cancioneiro. Dese conxunto, catro poemas están escritos en galego e o resto en castelán.

«No libro hai unha sección na que se inclúen notas histórico- xeográficas onde se vai explicando poema a poema para colocar ao lector na posibilidade de interesarse pola contextualización do mesmo. Pensamos que haberá xente nova que quizais non teña idea da temática», sinala Xabier Ferreiro. Esa temática, a que se refire, é unha crítica directa ao réxime franquista e a súa figura creadora, pero tamén á Igrexa e á dinastía borbónica. Ferreiro asume tamén a autoría do limiar do libro para profundar na súa xénese, a traxectoria do seu pai, dende os seus comezos en Vigo e a época de Venezuela, pero tamén a situación daqueles anos tanto no eido internacional como en España. «Fago un pouco de pedagoxía histórica», resume.

Aínda que esta obra é descoñecida para o gran público, Xabier Ferreiro advirte que recolle uns poemas nos que se recoñece perfectamente a Celso Emilio, «sobre todo, nos sonetos, porque el era da escola quevediana, e tiña un grande dominio dos sonetos; no libro veñen uns cantos».

Hai cinco anos, houbo outro descubrimento de novos poemas do escritor de Celanova. Naquela ocasión, foi o Colexio de Procurados de Vigo, no que estivo incluído na etapa anterior a marchar a Venezuela, quen deu conta dun achado literario. «En posesión da familia xa non queda máis material inédito, non sei se quedará algo fora do noso ámbito, aínda que non digo que non quede nalgunha colección privada, pero nós non temos máis», aclara o fillo de Celso Emilio.

 

A biografía de Foz

No seo familiar tamén quedaron máis tranquilos coa recente publicación do libro Celso Emilio Ferreiro, nacionalista galego (Xerais), de Luís Gonçales Blasco, Foz. «Nel recupera unha memoria esquecida dunha maneira artificial polos intereses da época, na que negaban que o meu pai tivera sido tan sequera unha sombra do nacionalismo. Foz recolle unha serie de documentación pola que explica moi ben que o meu pai foi unha persoa que loitou por este país», afirma Xabier Ferreiro. Referenda o fillo a idea coa súa propia definición do poeta: «Foi unha persoa que dedicou boa parte da súa vida a levar o nome de Galicia en alto, cunha poesía sinxela, clara e diáfana. Loitou toda a súa vida por Galicia e en certos momentos non foi recoñecido».

Esta tarde, no Marco de Vigo, ás 20 horas, vai ser presentado este libro que tamén inaugura o selo Luscofusco Edicións. «Nace coa idea de estar centrado en Galicia, tanto en galego como en castelán, pero con autores galegos. Van ser libros que teñen unha compoñente de compromiso, son históricos ou reeditados. O vindeiro probablemente sexa toda a obra de Lois Pereiro, que está esgotada, pero tamén temos Memoria de ferro, de Antón Patiño», avanza o editor Romero.


Comentar