A Real Academia edita o epistolario de Fernández del Riego e Otero Pedrayo
Cultura
O libro foi presentado en Ourense no marco do Abril Oteriano
28 Apr 2024. Actualizado a las 13:42 h.
Rexistros no vento. Epistolario de Francisco Fernández del Riego e Ramón Otero Pedrayo é o título do volume editado pola Real Academia Galega que reúne máis de 450 documentos que permiten afondar na estreita relación entre dúas figuras fundamentais do galeguismo do século XX. O expresidente da RAG Xesús Alonso Montero, prologuista do libro, e a investigadora Patricia Arias Chachero, responsable da edición e das notas da correspondencia conservada na Fundación Penzol, presentábano onte no Liceo de Ourense no marco do Abril Oteriano 2024 organizado pola Fundación Otero Pedrayo. «Estou convencido de que estas páxinas constitúen, hoxe por hoxe, o epistolario oteriano máis relevante. Están presentes nese corpus todas as virtudes do autor no xénero epistolar, en moitas ocasións agrandadas polas características do destinatario, Del Riego, quizais o colega intelectual e o irmán con quen mellor se entendeu Otero Pedrayo despois do falecemento de Castelao», valora Alonso Montero no limiar do volume, que pode descargarse en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal. «A relación, íntima e amical, que se reflicte nel supón un percorrido pola reorganización do galeguismo de posguerra», engade Arias Chachero.
A meirande parte das cartas reunidas, 347, foron escritas por Otero (1888-1976) e as demais por Del Riego (1913-2010). Otero Pedrayo asina a primeira misiva dende Trasalba en agosto de 1934 e a derradeira escríbella Del Riego en 1975, seis meses antes do pasamento do seu amigo.