La Voz de Galicia

Auroras boreais

Cultura

Bieito Romero

21 May 2024. Actualizado a las 05:00 h.

En 1938, en plena Guerra Civil, púidose ver en toda a Península unha impresionante aurora boreal que tinxiu os ceos de vermello. A miña nai, naquel xaneiro, era unha nena de aldea con apenas 11 anos. Na súa casa como na maioría das da época e no medio rural, a relixiosidade estaba moi introducida, e por esa banda chegábanlle informacións que falaban de castigo divino e de que a cor vermella no ceo era o sangue dos mortos na guerra. Lembro perfectamente aquela historia polo sorprendente que me parecía e porque ela estaba moi asustada como nena que era. Falábase constantemente da fin do mundo, das calamidades e o padecemento polo comportamento da humanidade pecadora e iso tiña a unha boa parte da poboación irta, máxime ao ver semellante sinal inesperada no ceo. Por sorte tiñan escola na aldea e a mestra era unha persoa cabal e polo que a miña nai dicía, moi pedagóxica e querida.

Contoulle aos nenos o que era unha aurora boreal e dende aquela explicación calmada e convincente todo volveu á coherencia. A aurora desapareceu e o mundo continuou aínda que fose en dramáticas circunstancias de guerra. As auroras polares, boreais no hemisferio norte e austrais no sur, son fenómenos naturais luminescentes. Onde se ven xeralmente é nos polos e se alcanzan outras latitudes é debido a que a tormenta xeomagnética ou solar é de maior intensidade. Estas tormentas son debidas a unha expulsión de masa coronal dende o sol que ao interactuar co campo magnético da terra crean unha perturbación na magnetosfera.

Un espectáculo natural moi coñecido pola cultura dos samis de Laponia que entre os nomes cos que coñecen as auroras está o de guovssahas, é dicir, a luz que se pode escoitar. Hai poucos días e dende moitos puntos de Galicia puidéronse ver estas auroras. É pouco habitual observalas nas nosas latitudes, e iso indica que a tormenta solar foi de certa intensidade. A min colleume por Madrid, e paseando preto da Gran Vía comentamos o estraña que semellaba a luz esa tarde. Nesa noite vimos as noticias sobre as auroras que xa non son presaxio de nada aínda que si é certo que na era tecnolóxica unha tormenta solar severa si podería ser un problema importante. Mentres, gocemos do espectáculo.


Comentar