La Voz de Galicia

O Quixote en Castroverde

Cultura

Xesús Alonso Montero
Detalle de «Don Quijote espera el alba en la playa de Barcelona», un gravado de Salvador Tusell a partir dunha obra de Gustave Doré.

14 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Non é a primeira vez que, nesta columna, menciono, sempre con gratitude, as terras do concello de Castroverde, matria de importantes personalidades en distintos eidos, desde Enriqueta Otero (revolucionaria) e Ánxela Gracián (poeta e narradora) a José María Fórneas Besteiro (arabista), Paco Pestana (artista), Fernando González Muñoz (filólogo clásico), Ricardo Polín (investigador das nosas letras) e Manuel Muñiz (que coida e potencia o patrimonio cultural do municipio). Habería que citar, sen dúbida, outros nomes valiosos.

Hai sesenta anos foi alumno meu, de literatura española, no Instituto masculino de Lugo, Enrique González Muñoz, a quen tardei en ver seis décadas. Foi o reencontro, en Lugo, o 19 de abril do presente ano co gallo dun acto literario —e gastronómico— organizado nesa data polos meus exalumnos. Enrique, en conversa privada, manifestoume a súa vella cervantofilia, non allea —sinalou cortesmente— ás miñas clases. Eu, en efecto, naqueles anos, dedicaba (excedéndome unha miguiña) case un mes a explicar o Quixote, o meu don Quixote, aquel Che Guevara do Renacemento (mutatis mutandis).

O meu exalumno Enrique González, residente en Cataluña desde hai moito, acaba de facerme chegar un agasallo cervantino que é unha peza da mellor bibliofilia: Los capítulos barceloneses del ingenioso libro «Don Quijote de la Mancha», compuestos por el insigne Miguel de Cervantes Saavedra para solaz de las generaciones, e ilustrados por un asturiano que llaman Alfredo para regocijo de niños y mayores (Barcelona, 2005). Era o ano do cuarto centenario da edición príncipe da primeira parte da inmortal novela, e non sei dun facsímile ofrecido, daquela, con tanto rigor, decoro e gusto. Pois ben, esta edición, non venal, de 600 exemplares, débese á iniciativa, en Barcelona, de Enrique, publicación promovida pola empresa publicitaria Lowe Farlés, que presidía o noso cervantófilo de Castroverde e a quen lle debo a décima lectura, moi gozosa, das andanzas barcelonesas do inesquecible Cabaleiro.

Agora, Enrique reside, en Badalona, na rúa Cervantes e xa está a preparar unha homenaxe cervantina.


Comentar