«SIZA», unha exposición maiúscula
Cultura

Os arquitectos galegos Carlos Quintáns e Zaida García, comisarios en Lisboa da maior mostra ata a data sobre o mestre portugués Álvaro Siza
09 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.
En Portugal, unha exposición sobre Álvaro Siza soa a redundancia. As grandes mostras sobre a obra do arquitecto son frecuentes en todo territorio luso, e mais tamén no resto do continente. Outro conto é que sexa el mesmo quen recoñeza que a exposición SIZA, que vén de se inaugurar na Fundación Gulbenkian de Lisboa, sexa «a máis importante, a máis ampla» sobre a súa obra, como lles confesou aos arquitectos galegos Carlos Quintáns e Zaida García, comisarios do proxecto. Había 30 anos que non se expuña a obra da estrela da arquitectura portuguesa na capital, e, dende o 17 de maio, xa supera as 20.000 visitas. Rematará o 26 de agosto, pero o seu impacto promete ir alén desa data.

Porque aquí o relato achega un Siza humano e un Siza arquitecto, que se entretecen cos seus debuxos, bosquexos, planos, móbeis por el deseñados e pezas das súas coleccións de arte. Enténdense nestas salas as influencias cubistas máis fondas, como Picasso ou Matisse; albíscase a súa visión política; interiorízase a súa vontade estética.
«Despois dun ano de preparación, non somos os mesmos», asegura Quintáns. «De súpeto, concibimos un Siza infinito, cheo de recursos. Percorrendo o seu traballo, fomos quen de entender como pensa. Debuxa tan ben que podiamos case entrar na súa cabeza, descubrir as bromas que facía. Ese humor tan fino, a súa familia, os seus amigos. A vida dura, sempre viaxando para traballar en todo mundo», explica o arquitecto galego, que recibiu a oferta de montar esta exposición por compartir con Siza o León de Ouro da Bienal de Venecia, obtido con catro anos de diferenza.
A exposición é o resultado da análise duns 200.000 documentos. Deles, uns trescentos cadernos cos seus debuxos, e milleiros de planos e fotografías. A escolma non foi sinxela, porque tiveron que mergullarse nos arquivos da propia Gulbenkian, pero tamén de Serralves, do Centro Canadiano de Arquitectura e de diversas coleccións privadas. E gozaron da confianza do mesmo Álvaro Siza, que contribuíu a poñer en orde o seu propio universo de ideas, referencias e visións.
«Densa, densa, densa»
«É unha exposición densa, densa, densa. Hai quen a visita en varios días», subliña Quintáns. Son 1.700 metros cadrados, con máis de cincocentos traballos orixinais. Hai varias mesas de 148 metros lineais. Esta dimensión monstruosa agocha una matemática simbólica e moi poética: examínanse 90 edificios, coma 90 anos ten Siza. Hai 900 fotografías —a maioría, do galego Juan Rodríguez— e amósanse 30 cadernos orixinais e 12 facsímiles. O máis sorprendente é o traballo de síntese, pois toda a obra se artella a través de 30 verbos, que son 30 constantes necesarias para entender as chaves do pensamento e da obra do arquitecto portuense: afastar, iluminar, conservar, orar, voar... 30 accións que Siza imprime aos seus proxectos.
Ao longo deste inmenso arquivo, pódense ver edificios construídos, non construídos e deteriorados. Pero, ante todo, percíbese como é posible intervir no existente mediante a serenidade de quen sabe subordinarse ao espazo. «Siza cambiou un país porque lle deixaron», reflexiona Carlos Quintáns. «A nós viríanos moi ben que a alguén lle deixasen construír o noso país, porque hai moito que arranxar», conclúe, crítico, en alusión á situación de Galicia. De feito, os comisarios gaban a gran presenza da arquitectura na vida cultural lusa: «As cousas non se arranxan cun só acto, porque se esquecen, senón que se corrixen traballando no día a día».