La Voz de Galicia

«FerrolAnálisis»

Cultura

Xesús Alonso Montero

23 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Esta revista anual «de pensamiento y cultura» chega, nestas datas, ao número 35, que son 315 páxinas a tres columnas, con decenas e decenas de ilustracións, impresa co máximo decoro: un alarde tamén para os ollos e o tacto, diría un bibliófilo. Foi presentada o día 21.

Edítaa o Club de Prensa de Ferrol, presidido por Julia Díaz Sixto, coa colaboración da Deputación da Coruña, e diríxea Esperanza Piñeiro de San Miguel. Como noutros números, abundan os textos sobre Ferrol (o hispanista Paul Preston gaba abertamente o n.º 18) e non escasean os traballos de tema non local. Nesta entrega paga a pena ler e deterse, entre outros, no artigo de Darío Villanueva Reflexiones postpandémicas.

O presente número dedica unha sección especial á biobliografía de Alfredo de la Iglesia (1861-1933), intelectual de condición, polígrafo e educador que, durante trinta anos, sementou saberes europeos gratis et amore na cidade de Ferrol, case sempre baixo a mirada torva das forzas conservadoras.

Progresista do mellor metal cívico, como o seu irmán Santiago de la Iglesia (1851-1931), era un dos quince fillos de Francisco de la Iglesia (1827-1898), nome esencial na cultura galeguista do Rexurdimento. Non seguiu ese vieiro don Alfredo, pero, cidadán de espírito científico, non foi alleo a unha realidade moi evidente: o galego, o idioma que falaban decote algúns dos seus alumnos de Literatura Española no Instituto de Pontevedra, onde foi catedrático de 1918 a 1931. Alí, xa no segundo curso, redactou para eles (un xesto pouco oficial) o primeiro manual escolar de Historia de la Literatura Gallega, cuxo manuscrito custodia a Real Academia Galega e que non chegou a publicar, omisión que sempre me sorprendeu. Sáibase que don Alfredo coincidiu no Instituto con Castelao, Filgueira Valverde e outros galeguistas que nunca, ata onde eu sei, se referiron ao labor deste singular educador e a esta peza insólita da historiografía literaria de Galicia.

Quizais a gran peza pedagóxica deste experimentador aconteceu un día de 1920 no que, sen previo aviso, explicou en idioma galego unha lección de gramática castelá.


Comentar