Xesús Pisón escolma en «Lúas do Orzán» a súa obra dramática, piar da renovación do teatro galego
Cultura
O autor lugués, consciente de que os seus textos nunca seguen un camiño fácil cara a representación, sabe que lle será máis doado encontrar un lector que un espectador
09 Sep 2024. Actualizado a las 22:04 h.
Adoita afirmar Xesús Pisón (O Valadouro, 1954) iso de que «o teatro é unha arte moi molesta porque nos ensina caras de nós mesmos que non nos gusta ver». E que por iso mesmo, porque sempre é crítico e non cala, é un territorio que debe medrar afastado do poder. É este teatro o que o lector atopará en Lúas do Orzán (Laiovento), unha escolma da obra dramática do escritor lugués preparada por el mesmo na que recolle os textos Como Jekyll e Hyde, A Vía Láctea, Tatuaxes, Materna, Animal Vacío, Ollos e Danza da mentira, «sete dramas alleos á escrita habitual, que merecen —defende a editora— formas escénicas imaxinativas e un lugar propio no Sistema Literario Galego». Tendo en conta que, pese a que escribe para os escenarios, Pisón é consciente de que o seu teatro nunca segue un camiño fácil cara a representación, e que lle será máis doado encontrar un lector que un espectador, este libro cobra unha relevancia especial.
O valor da súa escrita merece unha difusión que non acaba de chegar sobre as táboas, por grupos profesionais. Se os directores e as compañías non asumen o risco de adaptalo, ao menos o afeccionado poderá comprobar a importancia da súa achega renovadora ao edificio do teatro galego. Por non falar do asunto crucial que enfía a súa obra, os conflitos humanos, a soidade, as relacións, a dor, a culpa, a derrota, a incomunicación... temas incómodos —ás veces, cun marcado carácter de xogo destrutivo— afastados do entertainment, da cultura do espectáculo e do consumo.
A etiqueta de experimental teno prexudicado, como lembra nun breve prólogo Manuel Xestoso, que considera errónea: «A vangarda de Pisón, se é que aínda se pode empregar este termo, consiste precisamente en volver ao antigo, ao corazón mesmo da traxedia. A traxedia grega —e a súa fértil descendencia— é a primeira que revela esa dualidade inserida na cerna do ser humano, o deus e a besta que nos habitan e que acaban por ser indistintos en cada unha das nosas decisións: Edipo escolle un camiño que o libera e que o castiga, porque a súa duplicidade é imposible de satisfacer; Hamlet destrúe Elsinor e, polo tanto, a si mesmo; Jekyll e Hyde están condenados a autoinmolarse xuntos», argúe.