La Voz de Galicia

O OUFF acollerá na sección oficial a competición películas de dezanove países

Cultura

la voz Ourense
Fotograma do filme documental «Buscando a Santa Compaña», dirixido por Fernando Cortizo

Dez obras galegas, catro delas estreas mundiais ou en Europa, optarán aos galardóns de Panorama Galicia

24 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O Ourense Film Festival desconta as horas para a súa gala de inauguración oficial. O OUFF —que se desenvolverá do 27 de setembro ao 6 de outubro no centro cultural Marcos Valcárcel— presentou este luns a programación. Cun modelo de competición, a sección oficial internacional contará con doce filmes para optar ao premio Calpurnia e aos diferentes apartados do concurso. As películas representan dezanove países, ao ser varias delas coproducións internacionais, e, delas, catro serán estrea en España e oito en Galicia. Para a selección presentáronse 350 títulos, procedentes de 54 países.

Na súa tradicional aposta polo cinema galego, creando hai uns anos a sección Panorama Galicia, o OUFF 2024 contará con dez películas galegas a competición. Dúas delas serán estreas mundiais, unha no Estado e outra en Europa. Nesta liña impulsa este ano o OUFF Lab, apartado no que presentarán os seus novos proxectos realizadores como Xavier Bermúdez, Ledicia Sola, Ángel de la Cruz, Chema Cagino, Andrés Goteira, Xosé Zapata e Álvaro Pulpeiro.

 

O OUFF tamén permitirá ver, por primeira vez en España, Monsignor Quixote, traballo para a BBC rodado en 1987 en Oseira sobre a obra de Graham Greene e no que participou Alec Guinness. Nas sesións especiais tamén haberá un pase dunha versión restaurada de Raíces, para homenaxear a Carlos Velo, e proxectarase Retorno a Tagen Ata, de Eloy Lozano (sobre a obra de Ferrín). O primeiro filme en 35 milímetros rodado en galego cumpre neste 2024 o seu medio século de vida.

 A aposta polos novos creadores chegará da man de Fas Muvis —dirixida aos estudantes de audiovisual, que deben crear unha peza en 48 horas— e Fas Curtas —concurso para creadores de menos de trinta anos—. Tamén lle dará continuidade ao certame incorporado o pasado ano que se centra nos videoxogos.

Na presentación do festival, o seu director, Miguel Anxo Fernández, salientou que «a programación desta edición reafirma o OUFF como o festival de cine de Galicia e no seu papel de dinamizador da industria cultural galega». Jacobo Sutil, director da Agadic, incidiu na condición do certame «como o máis lonxevo de Galicia, que, ademais, este ano reforza a súa aposta pola creación e a industria audiovisual galega». Luis Menor, presidente da Deputación, sinalou o OUFF como a actividade cultural máis importante de todas cantas se celebran na provincia ao longo do ano, e incidiu «no impacto e no retorno económico que xera».

O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo e conta co apoio da Deputación e a Xunta. Gadis, Abanca e Hijos de Rivera figuran entre os patrocinadores.

 Homenaxe a Fernando Rey

O festival acollerá un amplo programa de actividades con encontros, presentacións, homenaxes e outras propostas. Entre elas figura a lembranza do actor galego máis universal de todos os tempos: un ciclo recordará a Fernando Rey no seu 30.º cabodano, presentarase un libro sobre el e haberá un encontro no que participarán Jaime Chávarri e Manuel Gutiérrez Aragón, dous dos realizadores que o dirixiron.


Comentar