Somos eles!
Cultura
15 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Levo xa un tempo coa dedicación que require o tema, dixitalizando músicas que gardaba en cintas casete. Xa imos asumindo a muda dos tempos e que as tecnoloxías van por diante dun xeito vertixinoso. Teño unha importante colección de música en distintos formatos que van dende aqueles antigos discos de lousa, despois as cintas magnéticas de bobina coas súas diferentes variantes, logo unha morea incontable de discos compactos e remata cun bo número de vinilos e cintas casete. Son quizais estas últimas as máis vulnerables e as que teñen máis risco de estragarse. As tecnoloxías foron deixando de lado todos estes soportes e agora semella que hai que telo todo en formato dixital e, a poder ser, ocupando o menos espazo físico posíbel. Enténdoo pero non podo compartilo! A miña casa está ateigada de baldas cheas de música que enche e ocupa paredes enteiras, algo que non concibo doutro xeito porque aínda son dos que na medida do razoábel sigo mercando e conservando a música así. Supoño que son os hábitos de ter vivido un tempo determinado. Lembro a emoción de ir cos meus poucos aforros ás tendas de discos por cada novo vinilo. O efecto duraba semanas nas que escudriñabas a portada e aprendías as letras mentres o disco soaba unha e outra vez. Aquilo marcou as nosas vidas e por idade mais ideas creo que xeramos unha certa resistencia a eses cambios que precisan argumento.
O asunto é que estou dixitalizando gravacións de cintas casete que en moitos casos eu mesmo realicei en diferentes traballos de campo. Nelas, tocan e cantan persoas que en boa parte xa faleceron e a min estreméceseme o corpo pensando que estiven e compartín con eles momentos inesquecíbeis. A súa testemuña gravada é un auténtico libro aberto da nosa tradición oral e musical. Eles seguían o modus operandi que lles viña dado pola oralidade e nós coa tecnoloxía e dende unha perspectiva actualizada gravabámolos e facíamos o que correspondía nun tempo máis actualizado. Unha proxección de futuro para que os que veñan saiban o que aqueles que viviron outros tempos hoxe case inconcibíbeis, facían. Algo que non ten prezo e ao que habería que darlle unha importancia vital. Ao cabo, somos eles!