A obra dos mellores tatuadores contemporáneos dase cita no Gaiás
Cultura
«Tattoo. Arte baixo a pel» reúne máis de 240 fotografías, debuxos, pinturas, tatuaxes e ferramentas para gravar co obxectivo de narrar a historia e a simboloxía desta práctica milenaria
24 Oct 2024. Actualizado a las 22:37 h.
Nalgún tempo, non hai moito, as tatuaxes eran algo mal visto, asociado a vidas marxinais, expresidiarios, macarras e xentes do lumpen portuario. Hoxe están de moda, lucen estas pinturas sobre a pel artistas, futbolistas, modelos, escritores, millonarios... «Qué cómodo sería que ponerse en manos de un artesano de la aguja durante unas horas liberara del esfuerzo de vivir en el peligro, el exceso, la libertad o el límite, que un corazón en tu bíceps atravesado por una flecha con el lema Amor de madre afirmase una individualidad plena y compacta sin requerir sacrificios mayores, que trabajara por ti con la eficacia de una sutura que impidiera la dispersión identitaria en docenas de fragmentos (pero el tatuaje no es sutura sino una cicatriz, herida colmada)», reflexiona o escritor e crítico literario Nadal Suau (Palma, 1980) en Curar la piel, un texto que lle valeu gañar o 51.º premio Anagrama de ensaio.
¿Arte? ¿Tradición exótica? ¿Enseña de identidade? ¿Pura imaxe? O museo Gaiás achegará algunhas respostas en Tattoo. Arte baixo a pel, exposición cuxa montaxe ultima estes días e que abrirá as súas portas ao público o xoves 24 de outubro (e poderá verse ata o 20 de abril do 2025). A mostra reúne máis de 240 fotografías, debuxos, pinturas, tatuaxes e ferramentas de gravar procedentes dunha vintena de países para narrar a historia e simboloxía desta práctica milenaria.
O proxecto exhibe pezas únicas tatuadas por pioneiros e referentes como o tatuador de estrelas do rock Paul Booth, o suízo Filip Leu —un dos tatuadores máis influentes e solicitados a nivel mundial, cunha lista de agarda de ata dez anos— ou Horiyoshi III, custodio da tatuaxe tradicional no Xapón.
Producida polo museo francés do Quai Branly e a Consellería de Cultura coa colaboración da Fundación “la Caixa”, traerá a Compostela unha vintena de modelos de silicona hiperrealistas, tatuados por pioneiras na introdución da cor no estilo hiperrealista, como a estadounidense Kari Barba; Paul Booth, creador de deseños escuros que seduciron a músicos de bandas de rock como Slayer, Slipknot, Lamb of God ou Sepultura; e o holandés Henk Schiffmacher (Hanky Panky), que tatuou a estrelas como Lady Gaga e os Red Hot Chili Peppers, e estará presente na apertura da exposición.
Estas orixinais pezas, realizadas por empresas especialistas en maquillaxe e réplicas para cine, forman parte da máis diversa exposición internacional sobre tatuaxe realizada ata agora, composta por obras contemporáneas —tamén históricas— de 18 países e comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da prestixiosa revista HEY! Modern Arte & Pop Culture.