La Voz de Galicia

Unha máquina grabadora doméstica, unha agulla de diamante e un chisco de paciencia: Así se fai un disco de vinilo

Cultura

Fina Ulloa Ourense
Un momento do taller que se desenvolveu no Museo Etnolóxico de Ribadavia

O propietario do Novocine de Leiro, Ernesto Romero, exerceu de mestre en Ribadavia para ensinar ao público do Arteficial o método de fabricación dun soporte sonoro que volve a estar de moda

28 Oct 2024. Actualizado a las 21:24 h.

Pouco hai que explicar a estas alturas de quen é Ernesto Romero García (Lebosende, Leiro, 1952) no mundo da exhibición cinematográfica en Galicia. Este namorado do sétimo arte foi, e segue sendo, un emblema da resistencia das pequenas salas, primeiro fronte á puxanza dos multicines e despois da oferta multipantalla e do consumo á carta que na actualidade sustentan múltiples plataformas. Tamén é coñecida a súa paixón polos máis diversos elementos e aparellos vinculados tanto ao mundo da imaxe como do son. Nas súas coleccións hai dende proxectores ou gramófonos a máis de cinco mil discos de lousa ou vinilo. O que moi posiblemente sexa menos coñecido é que Ernesto Romero é capaz de gravar discos usando agullas feitas por el mesmo e botando man de materiais do máis diverso. «Cheguei a usar radiografías e letreiros de PVC», conta.

O seu primeiro contacto con este mundo foi a través dos libros, de cando sacou o carné de operador de cine. «Naquela época poñíanse discos nos cines nas paradas para cambiar as cintas. E os libros explicaban como eran os reprodutores, os tocadiscos, e tamén como se facían os discos. Traían incluso fotografías dalgunha máquina para gravar que se utilizaba en plan caseiro. As da industria pesaban toneladas, pero había modelos máis lixeiros para un uso máis doméstico», narra. Xa de aquela lle chamou a atención o proceso. Anos despois tivo a ocasión de coñecer a un especialista en Madrid que tiña un taller de gravacións ao momento na Porta do Sol e que tamén dispuña de máquinas para vender. Alí adquiriu Ernesto Romero a primeira, pero chegou a ter dezasete e de diversos tamaños. Aínda conserva algunhas. Outras vendeunas.

Daquel especialista madrileño, ao que lle acabaría comprando anos despois todo o seu material, aprendeu algunhas técnicas básicas. O resto foi puro tesón autodidacta. «Lin moitísimos libros sobre o tema», recoñece. Foise perfeccionando a base de proba e error e o seu espírito inquieto non se conformou cos materias habituais que se podían atopar no mercado ao que, segundo conta, tampouco era sinxelo acceder sen formar parte dese mundo profesional. Así que, lonxe de renderse, experimentou e chegou a facer agullas ata con pedras de esmeril. Fixo gravacións de programas que sintonizaba na radio e outras veces ces cantaba el mesmo.

«Botei dez anos facendo probas ata que conseguín que saíra o son bastante ben e limpo», conta Ernesto, que trasladou ata o Museo Etnolóxico de Ribadavia unha das súas máquinas de gravación doméstica, xunto co resto de materiais necesarios para facer unha demostración práctica de como se fai un disco de vinilo. Foi dentro do programa de actividades do Festival Arteficial que se organiza cada ano na capital de O Ribeiro.

Ernesto explica que hoxe en día, co rexurdimento dos vinilos, empezan a aparecer novos afeccionados a este mundo que, por certo, non é barato. «As agullas de gravar son o máis caro. Comprar unha de diamante para unha destas máquinas que venden agora modernas costa uns catrocentos euros e como lle deas un golpe ao pinchar o disco, alá van», advirte.

A recomendación repetiuna tamén ao público que se achegou ata o taller organizado polo Arteficial en colaboración coa Escola Sinsal, que achegou ata Ribadavia a mostra titulada As Historias da Música Gravada en Galicia. A exposición pódese ver ata o día 9 de novembro e convida ao público a explorar ese relato a través de oito figuras clave, dende o século XVII ata o XX, ilustradas por artistas do cómic. Os visitantes descubriran cal era a relación de Emilia Pardo Bazán coa gravación ou que Labarta Pose foi o primeiro DJ galego.


Comentar