A RAG homenaxea a Nélida Piñon demostrando que, no seu caso, «a escritura vence a morte»
Cultura
«Amaba Galicia e emocióname moito falar dela aquí. Sempre dixo que a época máis feliz da vida foron eses anos que de meniña pasou en Galicia», dixo Karla da Silva
29 Oct 2024. Actualizado a las 19:30 h.
Nélida Piñon (Río de Xaneiro, 1934 ? Lisboa, 2022) segue viva na súa obra. Esa foi a mensaxe lanzada no acto de homenaxe organizado pola Real Academia Galega (RAG) que tivo lugar na sede coruñesa da Fundación Barrié. «Nela, a escritura vence a morte», dixo Marilar Aleixandre, coordinadora da Sección de Literatura da RAG e da cita. «A escritura, as historias imaxinadas e contadas derrotan a morte, noite tras noite, en Vozes do deserto, a súa reescritura da historia de Sherezade. As historias non morren se son contadas unha e outra vez de novas formas. A escritura derrota tamén a morte de Nélida, pois temos a súa voz, viva nos libros que herdamos dela», explicou.
Na xornada tamén estivo Karla da Silva, quen estivo con ela nos últimos días da súa vida. «Mantivo até o último minuto o amor pola vida e a amizade —lembrou—. Non quería marchar, pero despediuse dunha forma moi digna. No hospital conversamos máis sobre o posible outro mundo ca da vida aquí; sempre foi unha muller que reverenciou os seus mortos. Amaba Galicia e emocióname moito falar dela aquí. Sempre dixo que a época máis feliz da vida foron eses anos que de meniña pasou en Galicia».
Tamén falaron o xornalista Alfonso Armada e Antonio Maura, director do Instituto Cervantes de Río de Xaneiro cando a escritora doou ao centro a súa biblioteca completa. Este expuxo a relación de Nélida Piñon con outras autoras brasileiras, como Clarice Lispector, Rachel de Queiroz, Lygia Fagundes Telles ou Marly de Oliveira, con quen conformou un «núcleo moi importante» da literatura brasileira. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, editor de A república dos soños en galego na súa etapa á fronte da editorial Galaxia, subliñou a importancia desta novela en termos similares. «Somos moitos os que pensamos que A república dos soños é a nosa gran novela da emigración, que é un dos capítulos máis grandiosos da verdadeira épica de Galicia: a forza dun pobo que, malia os cataclismos da historia, soubo manter viva a memoria e a tradición. A grande achega de Nélida Piñon ás dúas literaturas consiste na ensamblaxe de dous mundos, que son raíz e tradición: o mundo grandioso e exuberante do Brasil e a tradición íntima, case doméstica, secreta, pero non menos decisiva, das raíces galegas».