O Culturgal, á busca de «novos públicos»
Cultura
A feira lanzará 200 actividades, coas achegas de 100 expositores e 500 artistas, e entre as novidades que presentará está a creación dun espazo pechado para as disciplinas escénicas e a ampliación do dedicado á arte. Será no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 29 de novembro e o 1 de decembro
08 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá do 29 de novembro ao 1 de decembro unha nova edición de Culturgal, feira das industrias culturais de Galicia. «Queremos profundar na mesma idea que o ano pasado, construír o mellor escaparate posible para que todas as manifestacións da cultura galega atopen novos públicos», asegurou o seu director, Camilo Franco, este xoves na presentación oficial. Todas as correntes da cultura galega, as xa asentadas e as novas, terán cabida no Culturgal, en moitas actividades mesturando espazos como a literatura, as artes escénicas, a música, o audiovisual, os videoxogos ou a maxia. Víctor López, presidente desta plataforma, asegurou que «serán tres días para compartir con creadores, artistas e empresas que se dedican á cultura», e Jacobo Sutil, responsable da Agadic, falou «do peso que terá o sector audiovisual nesta edición dunha feira que cumpre o labor de adiantar as próximas correntes da cultura galega». O encontro acollerá ademais a celebración do décimo aniversario do dominio PuntoGal «cun evento participativo e plural no que se contará con propostas como a de Lucia Aldao (Pava) e Caamaño & Ameixeiras», explicou Manuel González, presidente de PuntoGal.
O programa completo, que se fará público nos próximos días, lanzará 200 actividades, coas achegas de 100 expositores e 500 artistas. Unha das novidades será a creación dun espazo pechado para as artes escénicas e a ampliación do espazo de arte, posto en marcha o ano anterior. A feira —que conta con seis espazos diferenciados— quere ser unha proposta cultural e de lecer para todas as idades que permita ás familias pasar o día e participar en numerosas actividades.
Entre as súas distintas acción, sobresae a primeira Ultranoite cultureta —promovida de modo expreso para o encontro polo grupo teatral Chévere— ou a celebración do 30.º aniversario do bravú coa proxección dun documental e un concerto do grupo Xangai, liderado por Xurxo Souto, e a banda pontevedresa Rager.
O cantante e compositor Magín Blanco estreará un espectáculo que será o de despedida da serie A nena e o grilo, e estarán, entre outros, no Pazo da Cultura os escritores Manuel Rivas, Premio Nacional das Letras, e Olga Novo, Premio Nacional de Poesía 2020.
A venda de tiques e abonos comezou xa e vai a moi bo ritmo, segundo apuntaron desde a organización. Pódense adquirir na web cultur.gal. Tres euros por anticipado a entrada dun día e 5 euros o para as tres xornadas, con abonos familiares e outros descontos.