La Voz de Galicia

Tanxugueiras e Fillas de Cassandra liderarán a nova edición do festival EmigraSON de Bruxelas

Cultura

Javier Becerra Redacción / La Voz
Tanxugueiras no concerto que deron no Coliseum da Coruña en decembro do 2023

O evento, organizado por emigrantes galegos, triplica o seu aforo para o 2025. As entradas saen a venda o próximo venres 22

18 Nov 2024. Actualizado a las 18:14 h.

 A terceira edición do festival EmigraSON de Bruxelas contará con Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ningures. As catro formacións actuarán na sala La Madeleine da capital belga o 22 de febreiro do 2025 neste evento que leva a música galega ao corazón de Europa e que tivo un notable éxito nas súas entregas anteriores. As entradas sairán á venda o vindeiro venres 22 e, como ocorreu nos anos 2022 e 2023, é moi probable que se esgoten no mesmo día.

O suceso previo levou aos organizadores —unha asociación cultural sen ánimo de lucro impulsada por un grupo de amigos emigrados en Bélxica— a triplicar o aforo da sala. Eles lembran que en marzo do 2024 preto de medio millar de persoas que se achegaron a Bruxelas dende quince países diferentes. Agora esperan acoller ata 1.200 persoas na sala La Madeleine na próxima edición.

Desta maneira o festival dá un salto importante. Por unha banda, conta con dúas das formacións máis importantes da música popular actual e que mellor definen o momento. Tanxugueiras e Fillas de Cassandra, que chegaron a fundirse no tema Quen é a que canta?, exemplifican a nova música do país que, cun claro liderado feminino, parte da tradición para chegar a territorios electrónicos rabiosamente actuais. Pero ademais, estes dous proxectos veñen acompañados doutros igual de significativos. Terbutalina é unha banda de punk-rock que influíu notablemente a grupos actuais como The Rapants. E De Nighures representa un dos máis brillantes exemplos do neotradicionalismo que actualmente goza do seu gran momento en Galicia.

O festival naceu co pulo e a ilusión de sete emigrantes galegos mozos asentados na cidade belga no ano 2022. A idea era crear un evento para a mocidade emigrante en Bruxelas. Naquela primeira edición acudiron Familia Caamagno, Fillas de Cassandra, Berto, Lemon Pears e The Rapants. Actuaron na sala The Embassy, un pequeno local da capital belga, que se encheu ata os topes.

No ano seguinte a organización quixo ir más alá. Alugaron un espazo con maior capacidade, a sala Tricorette, con aforo de 400 persoas. As entradas voaron en canto saíron a venda para poder ir a ver a The Rapants, Ataque Escampe, Catuxa Salom e Lontreira nun ambiente de festa total. Ademais, tamén actuou o dúo Aldaolado no Centro Cervantes e desenvolveuse unha foliada o día previo. Esa parte do festival do 2025 está aínda por anunciar.

 

«A emigración xuntounos no estranxeiro, mais a paixón que temos pola música que se está a facer en Galicia e a necesidade de ter un espazo de encontro fóra da casa fainos sacar adiante este festival», sinalan os organizadores.


Comentar