La Voz de Galicia

Cineastas lusos e galegos apostan pola coprodución

Cultura

brais suárez porto / e. la voz
A produtora galega Chelo Loureiro, con produtores portugueses.

Porto acolle un foro da industria dos dous lados da raia

26 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O corno (2023, Jaione Camborda) é un dos últimos éxitos da colaboración entre produtoras galegas e portuguesas. A historia, que se divide en dúas partes que transcorren a ambos os dous lados da raia, é tamén o exemplo dunha produción transfronteiriza orgánica e lóxica co guión. «A coprodución entre varios países pode ser máis complexa», asume Camborda, que valora as súas vantaxes: «Hai cinco anos que coñecín a Rodrigo Areias; iso levounos a facer O corno, e por iso estou hoxe aquí». Refírese ao Foro Luso Galego de cinema, celebrado onte no Porto, no marco do festival de cine documental Porto/Pos/Doc.

Citáronse alí máis de cinco decenas de produtoras galegas e portuguesas que procuraban precisamente iso, poñer en común as súas ideas e levalas a cabo: «Eu traio proxectos concretos, que acontecen entre Galicia e Portugal, e tamén quero escoitar os galegos con boas historias», di José Amaral, portugués que asiste en calidade de consultor e que se concentra no eido da distribución internacional. «As coproducións internacionais reúnen máis e mellores recursos, e permiten atraer despois outras grandes plataformas, porque identifican o potencial do produto», explica Amaral, que agora está inmerso na elaboración do próximo gran proxecto conxunto da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e da Radio Televisión de Portugal (RTP), a serie O lume. «Pola afinidade cultural e lingüística e a continuidade territorial, Galicia é o noso socio internacional prioritario, sobre todo nas áreas de ficción e documentais. Pero aínda temos moito que facer nas longametraxes», asegura.

O encontro resulta dun traballo común da Portugal Film Commission e a Axencia Galega das Industrias Culturais para promover os lazos entre as produtoras lusas e galegas. A primeira edición tivo lugar no 2015 e celebrouse ininterrompidamente até a pandemia. Tras o parón, nesta sexta edición, «as Administracións públicas só pretendemos impulsar un proxecto natural de traballo bilateral, porque, unha vez que se establecen, as sociedades entre produtoras adoitan continuar», comenta Dolores Meijomín, coordinadora de política audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais. Dende o comezo, «pareceunos que esta alianza era moi estratéxica en termos de lusofonía e das semellanzas do sector».

Neste contexto, a implicación de RTP e CRTVG «é chave, porque tamén garanten a difusión para máis de 13 millóns de persoas». Confírmao o director de contidos da CRTVG, Fernando Ojea: «Os programas coproducidos atinxen audiencias moi altas nos dous territorios». «Nós comezamos esta colaboración no 2010 para dinamizar a actividade audiovisual dende a óptica dos medios públicos e, despois dun período de recoñecemento mutuo, agora xa hai unhas dinámicas moi sólidas, que funcionan e medran», di Ojea.

De feito, Chelo Loureiro, de Abano Producións comenta: «Eu xa coñezo a maioría dos asistentes». Ademais, coida que «é case imposible facer cine de autor sen coproducir, pero debe ser algo orgánico, con produtores locais e unindo as mesmas achegas artísticas. Por iso, Portugal e Brasil son os nosos socios lóxicos».

Ademais de optar a financiamento comunitario, as películas coproducidas entre varios países europeos tenden a aproveitar as áreas de experiencia de cada país. «Se os galegos temos máis experiencia en series, os portugueses son moi bos en chegar a outros territorios», di Meijomejín, que conclúe: «O noso obxectivo debería ser converternos nun ecosistema similar ao dos nórdicos, cunha marca forte que apenas diferenza entre os dous países».

Linde, a primeira produtora luso-galaica

Alén de afianzar as colaboracións que xa están en marcha, no Foro Luso Galego de produtores audiovisuais celebrado este luns no Porto, tamén se anunciou a creación de Linde Filmes, que será a primeira axencia conxunta (para Galicia e Portugal) de vendas internacionais. Na presentación, o produtor Xavi Font explicou que se trata dunha alianza de empresas que procuran atinxir maior control do proceso comercial da película: «Dende a produción, queremos entrar tamén na distribución, para seguir coidando con detalle todo o traballo» e, así, achegarse de xeito coherente «aos festivais, a outros produtores e ao público», di Font, que estaba acompañado dos demais integrantes do proxecto: os galegos María Yáñez, Andrea Vázquez e Emilio Baños, e o portugués Rodrigo Areias. O seu primeiro obxectivo será entrar máis a fondo no mercado español, porque di que tanto a parte galega coma a portuguesa comparten «un xeito de ver todo o sector». «Debemos continuar buscando historias únicas, que nos representen, e facer realidade de proxectos que crucen fronteiras», explica Font.

A cita foi parte do festival Porto/Pos/Doc, que este ano celebra a súa undécima edición e se consagra como un dos eventos máis relevantes do cinema portugués. Trátase dun festival de cinema documental, que terá lugar até o 30 de novembro en distintas salas da cidade lusa. O programa comprende catro competicións: Internacional, Cinema Falado, Cinema Novo e Transmission, que segmentan a nova produción do cine contemporáneo. Ademais, engade outras series temáticas, seccións retrospectivas de autores contrastados internacionalmente e outras películas de cine para nenos e adolescentes. Por último, está acompañado de distintos eventos vencellados á industria do cine, como debates, encontros da industria audiovisual, festas ou obradoiros. Sempre, segundo definen os organizadores, procurando «encontrar vías de pensamento que poidan modificar o mundo, comezando polas relacións locais, dialogando coa cidade, co país e coas rexións veciñas».


Comentar