O Galiverso estrea unha nova experiencia na Cidade da Cultura
Cultura
As prazas para visitar esta montaxe de realidade virtual poden reservarse previamente de balde
27 Nov 2024. Actualizado a las 15:25 h.
O Galiverso xa achegou a través da realidade virtual algúns dos destinos de Galicia, unha reconstrución do vello Portomarín, o patrimonio baixo as augas e os museos galegos. Agora, desde este mércores, pódese visitar Galiverso no Corazón da Pedra. Esta nova experiencia achega ao público as marabillas naturais, arqueolóxicas e históricas de Galicia nos que a pedra é protagonista.
A actividade pódese visitar na Cidade da Cultura. A idade mínima é de 8 anso (os menores de 12 deben acudir acompañados) e a entrada é de balde. Pódese reservar praza a través de ataquilla.com ou no Museo Gaiás. Esta fin de semana estará ademais en Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Galiverso no Corazón da Pedra
Afloramentos graníticos, praias de area negra creadas pola erosión de antigos glaciares, ventos e mareas, covas prehistóricas, arte rupestre, petróglifos e xacementos romanos forman parte desta nova experiencia dispoñible de martes a domingo.
No acto de presentación estiveron presentes o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
Nun comunicado remitido pola Xunta de Galicia, López Campos subliñou a relevancia do Galiverso como «exemplo do bo uso da tecnoloxía co fin de sortear barreiras no acceso ao patrimonio para todas e todos os galegos», na liña dos valores promovidos pola nova Lei de cultura inclusiva e accesible aprobada no Parlamento Galego.
Desde que hai dous anos se abriu a primeira instalación no Museo Gaiás, son xa máis de 19.100 persoas as que puxeron as lentes de realidade virtual.
Pola súa banda, Román Rodríguez fixo fincapé no crecemento dun proxecto «cun enorme potencial pedagóxico que chegará a todos os centros de Secundaria de Galicia a través dos Polos Creativos». De feito, o Galiverso deuse a coñecer este ano tamén na feira SIMO Educación, un dos eventos máis importantes no eido da tecnoloxía para os profesionais do ensino en España.
Nesta experiencia, a realidade virtual serve para visitar sen risco lugares aos que resulta imposible acceder. Algúns deles son a Cova Eirós, un dos xacementos prehistóricos máis importantes de Galicia, no que hoxe só pode internarse persoal investigador; ou a espectacular cova do Rei Cintolo coas súas formacións de estalagmitas e estalactitas ou o areal de Teixidelo, a única praia de area negra no mundo de orixe non volcánica, á que se baixa seguindo un empinado sendeiro desde os acantilados de Vixía Herbeira na Serra da Capelada.
En total son sete os enclaves que se poden visitar nesta sexta montaxe do Galiverso. Aos tres xa mencionados súanse o petróglifo do Castriño de Conxo en Santiago de Compostela, o xacemento romano de Aquis Querquennis en Bande (Ourense), o Penedo de Noiteboa no Porriño e a Escola de canteiros de Poio.
O Galiverso
O Galiverso caracterízase por favorecer un uso intuitivo das novas tecnoloxías, a través de mans virtuais e xestos que imitan a maneira de coller e mover os obxectos no mundo real. Ademais, os elementos interactivos están deseñados para facer máis interesante e espectacular a experiencia.
Na Cova Eirós, por exemplo, as pinturas rupestres e petróglifos inscritos nas paredes de rocha ilumínanse ao tocalas para que sexa máis sinxelo apreciar as súas formas. Ao fondo da gruta, vese durmir un enorme oso das cavernas como os que habitaban este lugar no Plistoceno, recreado cunha animación en 3D hiperrealista.
Tamén a interactividade permite explicar de maneira visual cales son os minerais que compoñen o granito rosa típico da zona do Porriño, e apreciar os detalles e características de diferentes pezas de cantería, un dos oficios tradicionais máis antigos de Galicia.
Para conseguir trasladar estes lugares á contorna dixital, contouse coa colaboración dos arqueólogos e historiadores do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CiSPAC) Arturo de Lombera Hermida e Tania Mosquera Castro, tamén presentes no acto, así como con especialistas da asociación de espeleoloxía encargada de realizar as visitas á cova do Rei Cintolo, que fixeron de guías e axudaron a documentar de maneira rigorosa cada un dos espazos.