La Voz de Galicia

A Real Academia e o Colexio de Arquitectos homenaxean a Andrés Fernández-Albalat, arquitecto da memoria

Cultura

La Voz Redacción / La Voz
Cartel da homenaxe a Fernández-Albalat da RAG e COAG.

O acto terá lugar este mércores, no marco do centenario do seu nacemento

03 Dec 2024. Actualizado a las 15:24 h.

A Real Academia Galega e a Delegación da Coruña do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG) organizan mañá unha homenaxe a Andrés Fernández-Albalat Lois (A Coruña, 1924 - 2019) co gallo do centenario do seu nacemento. Baixo o título Andrés Fernández-Albalat. Arquitecto da memoria, o acto recorda a unha figura fundamental para entender a arquitectura galega contemporánea. 

O evento dedicado ao académico de número desde o ano 1999 desenvolverase na delegación coruñesa do COAG (Federico Tapia, 64) a partir das 18:30 horas. A entrada é libre.

 Andrés Fernández-Albalat

Defensor da necesidade de que a arquitectura non perda de vista o humanismo, que debe estar ao servizo da sociedade, Andrés Fernández-Albalat dirixiu numerosos proxectos que o converteron nun referente imprescindible da Galicia contemporánea.

Entre outros proxectos, Fernández-Albalat é responsable da planta de Coca-Cola (1959-1962) e o concesionario de Seat (1963-1965) na avenida de Alfonso Molina da Coruña, as vivendas subvencionadas de mariñeiros na parroquia de Fontán en Sada (1967), a fábrica de Sargadelos en Cervo (1968), as facultades de Matemáticas e Bioloxía de Santiago de Compostela (encargadas en 1978), a piscina cuberta de Santa Isabel (1982) e o estadio de San Lázaro da mesma cidade (1993), o conservatorio de música da Coruña (1985) ou a rehabilitación do castelo de Monterrei (1996).

A homenaxe celebrará a pegada cultural, profesional e persoal deste mestre da arquitectura galega a través das intervencións do presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; Charo e Andrés Fernández-Albalat Ruíz, fillos do académico e xefa do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, respectivamente; o aparellador Roberto Medín Guyatt, excolaborador de Albalat; Cristóbal Crespo González, director do Departamento de Proxectos Arquitectónicos e Urbanismo (DPAUC) da UDC, do que o homenaxeado formou parte; e César Portela Jardón e Myriam Goluboff Scheps, exdocentes do mesmo departamento.

O programa, organizado pola RAG e a Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, conta coa colaboración do DPAUC e asociación cultural Flor de Santiago.


Comentar