La Voz de Galicia

A Real Academia Galega estrea unha web cos nomes galegos de aves de Galicia e de España

Cultura

La Voz Redacción / La Voz
Cotovia escura.

A ferramenta unifica termos, corrixe castelanismos e conta con fotografías que reforzan o carácter divulgativo

06 Dec 2024. Actualizado a las 17:57 h.

A Real Academia Galega acaba de estrear unha nova ferramenta na web que unifica denominacións de máis de 600 especies diferentes de aves. A nova sección da páxina institucional, accesible en https://academia.gal/aves, é froito do traballo conxunto de ornitólogos e lingüistas de distintas sociedades e agrupacións. Esta web permite realizar procuras polo nome galego, o científico ou a familia á que pertence cada ave, acompañada en moitos casos de fotografías que reforzan o seu carácter divulgativo.

Segundo indica a institución nun comunicado, a listaxe resultante dálles preferencia ás denominacións patrimoniais, moitas delas documentadas dende a Idade Media e presentes no refraneiro, como bubela, carrán, choia, corvo mariño, cotovía, mazarico, miñato, paíño, pardela, pega ou rola /rula. Corrixe ademais castelanismos de propostas previas e para a toma de decisións tamén considera formas existentes noutras linguas europeas, de maneira especial (aínda que non só) nas da nosa contorna cultural.

Termos estandarizados

A lingua galega, resalta a RAG, é extraordinariamente rica en denominacións de aves e son moi frecuentes os casos de paxaros que se coñecen con varios nomes nas diversas zonas do territorio. «Para a Coturnix coturnix, amais do nome máis estendido paspallás, coñecemos arredor doutras 50 denominacións», pon como exemplo Manuel González, un dos membros do equipo tras este traballo, quen engade que esta pluralidade de designacións conforma un patrimonio cultural que debe ser preservado.

«Pero isto, unido ao tamén frecuente feito de que un mesmo nome designe aves diferentes segundo a zonas, pode xerar certa confusión que cómpre evitar na linguaxe técnica e científica», explica. Por iso a proposta que recolle o buscador ofrece un único termo estandarizado para cada ave, na liña dos traballos feitos noutros idiomas e vocabularios especializados, e atendendo a demanda do mundo da ornitoloxía, onde xurdiron desde os anos 70 do século pasado varias listas, redactadas unhas veces por persoas individuais e outras por colectivos.


Comentar