La Voz de Galicia

Galicia en Nueva Galicia

Cultura

Xavier Alcalá
Santy Gutiérrez, Manel Cráneo e Luís Sendón, nunha das actividades na FIL de Guadalaxara.

Autores galegos levan as súas creacións á Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara da man da Xunta

10 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Feira Internacional do Libro (FIL) de Guadalaxara, estado de Xalisco, Nova Galicia do Imperio Español, un acontecemento imposible de abranguer: 43.000 metros cadrados de exposición, case cincuenta países representados, case un millón de visitantes, máis de 600 presentacións de libros, incontables debates paralelos ás actividades literarias… Vaiamos logo facer memoria desde o punto de vista de galegos alá presentes para contaren que Galicia existe no contexto das nacións con literatura propia.

A Xunta organizou unha expedición ao mando de Cristina Rubal, incluíndo practicantes de narración textual e da gráfica, que hoxe reparten a atención do público lector, que se suman e realimentan. De feito a FIL de Guadalaxara conta cun poderoso Salón do Cómic e a Novela Gráfica.

Os libros xa non son exclusivamente de papel, van convivir os distintos formatos de transmitir fabulacións. Nada mellor que feirar de todo iso en Guadalaxara de México, país supremo entre os da Hispanoamérica: o seu mercado potencial é con diferenza o maior, seguido polos de Arxentina e Colombia. Nada máis camiñar por Guadalaxara, cidade de sete millóns de habitantes, logo se percibe a xuventude dun pobo: parellas novas a pasear meniños, non cans.

A feira inúndase de rapaces de colexios que queren entrevistar escritores. Sorpréndeos que en España se falen catro idiomas, que o galego e o portugués veñan sendo dúas versións do mesmo, que nós leamos sen problema a obra do autor homenaxeado este ano, Mia Couto, mozambicano. Como se fose algo imprescindible, preguntan ao entrevistado se é do Real Madrid ou do Barça.

México: advertencias de manter pertenzas vixiadas e avisos de «ruta de escape» para os sismos. Hai feminicidios, balaceras, asaltos… mais moita visión comercial, as empresas do libro convertéronse en nodos de conexión para todo o continente americano. As grandes estenden as súas redes a todas as comunidades de fala castelá crioula, incluída a dos Estados Unidos.

O stand da Xunta é dos lustrosos, dignamente rechamante, moi superior ao do seu veciño, o de Canadá. Nel vanse sucedendo actos, énchense as cadeiras preparadas para o público, transeúntes polo corredor únense aos que conseguiron asento. Á Eva Mejuto nada lle custa conseguir nenos dabondo para xogaren cos seus inventos de escritora incitadora á lectura; o Manel Cráneo atrae potenciais profesionais do cómic coa súa explicación de como A nosa cinza se converteu en Cinza, novela gráfica; Pedro Feijoo e Manel Loureiro ábrense a contaren o que demanda ser escritor de best-sellers; o profesor José María Paz Gago ilustra sobre Valle-Inclán e a Pardo Bazán; Santy Gutiérrez, Luís Sendón e Manel Cráneo atraen público coas súas visións de humor sobre a morte. Os mexicanos descobren paralelismos de costumes… A historia da Editorial Galaxia chama a atención dun público entre o que se achan editores mexicanos e arxentinos: ¡75 anos de vida! ¡4.000 títulos!

 

Vai rematando a feira. No stand de Galicia (a pregunta do público repítese: «¿Qué quiere decir Xunta?») fálase de autoedición dixital nas plataformas globais. Ábrese un coloquio acerca da outra forma de chegar a todo o mundo coa literatura: canta xente le en formato textual?, canta opta polo audiolibro lido por robots? Hai un acordo: o audio está disparado.

 

Cousas veremos. No ano próximo, máis. Galicia ten que facer as Américas e, para facelas en termos de literatura, Guadalaxara (sen esquecer o que se move polo Brasil).


Comentar