La Voz de Galicia

El Viejo Pancho, o galego que construíu a cultura uruguaia

Cultura

Tamara Montero Santiago / La Voz
De esquerda a dereita, Antonio Andina, Pilar Cagiao, Dani Vega, Dolores Vilavedra, Pablo Rodríguez «Vivín» e Lourenzo Fernández Prieto, durante a presentación do libro no Consello da Cultura.

Un libro explora a figura do poeta gauchesco que ten orixe na Mariña no centenario do seu pasamento

11 Dec 2024. Actualizado a las 22:15 h.

«Ah, usted hace una tesis sobre os gallegos en el Uruguay, conocerá al Viejo Pancho». En realidade, Pilar Cagiao, hoxe profesora da USC, non coñecía a El Viejo Pancho. «Foi unha vergoña, pero é que en Galicia non se tiña difundido esa idea de que El Viejo Pancho, como tantos outros emigrantes galegos que foran ás Américas, tiña nacido en Galicia e, sobre todo, era reivindicado como unha figura importante da cultura uruguaia».

Este 2024 que está a piques de rematar é o centenario da morte de José María Alonso y Trelles Jarén, un rapaz de Ribadeo que con 18 anos colleu os camiños do mar e remataría por asentarse en Tala e converterse nun afamado poeta da vida rural uruguaia. Aproveitando esa data redonda, Pablo Rodríguez, Vivín, decidiu saldar a «débeda moral» que tiña co neto de El Viejo Pancho, que no 2007 trouxo a Galicia na súa maleta o legado que a familia tiña do poeta, e comezar un traballo de recompilación e de exploración da figura do literato, un traballo que comprometeu «os de aquí e os de alá» na tarefa común de «revivir a figura de El Viejo Pancho e poñela en valor», explicaba o coordinador de El viejo Pancho, de Ribadeo a El Tala pasando por Navia.

O volume, que se presentou no Consello da Cultura Galega, dá acubillo a máis de 120 fotografías e documentación inédita, 80 colaboracións e críticas literarias sobre o poeta, reproducción de obras de teatro e unha edición de Paja brava (a obra máis influínte de El Viejo Pancho) do ano 1923. Incluso para quen non estea familiarizado co vocabulario gauchesco, fíxose un pequeno dicionario de termos.

O uso das novas tecnoloxías permitiu tamén reproducir unha publicación de Momentáneas e o legado do que é custodio Vivín tamén garda a publicación da columna que levaba por título Parolas, na que El Viejo Pancho criticaba o que acontecía na localidade, tres anos antes do que ata o de agora se tiña establecido por parte dos estudosos da figura do poeta.

O libro conta tamén cunha xenealoxía dende 1698 pola parte paterna do poeta —era fillo de Vicenta Jarén, galega, e Francisco Alonso y Trelles, de orixe asturiana e que foi mestre nunha escola de Navia—. O traballo de investigación da vía materna aínda non está rematado, pero Pablo Rodríguez, Vivín, explicou durante a presentación que se publicará cando estea completado.

Sobre a mesa está tamén a reedición de Paja brava, a recompilación dos seus poemas gauchescos que se publicou en 1915 con grande éxito. «Ese libro esgotouse. Creo que en Ribadeo están moi detectados os que hai, pero non hai moitos». O alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, amosou a disposición do Concello, e tamén da Xunta, para volver editar Paja brava.

El Viejo Pancho era galego, con orixe en Ribadeo, pero tamén asturiano. E, ao mesmo tempo, un dos grandes construtores da cultura uruguaia. Esa é tamén «unha gran lección para o presente da inmigración en Europa». A súa participación no libro levou a Lourenzo Fernández Prieto, profesor da USC e orgulloso fillo de Ribadeo, a facer a reflexión de que se cadra, algún día, entenderase que as comunidades peruanas, as senegalesas ou as de Marrocos «tamén constrúen a cultura na que estamos vivindo».

«Se temos un defecto, os que temos levado adiante estudos sobre a nosa emigración en América, é ter pensado que a xente foi importante só polo que contribuíu para Galicia», recoñecía Pilar Cagiao. Porque «a grande achega da nosa emigración estivo tamén no que significou para as sociedades de recepción» e, por extensión, ás pontes que se tenden coas comunidades nacionais latinoamericanas, cunha cultura compartida que o é, precisamente, «grazas á achega dos nosos emigrantes». E iso mesmo, tender pontes, é un dos labores fundamentais do Consello da Cultura Galega, lembraba a vicepresidenta da institución, Dolores Vilavedra.


Comentar