Versos urálicos en galego
Cultura
27 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Nunca o idioma galego vivira unha experiencia filolóxica tan exótica: acaban de aparecer en galego dous poemas, un na lingua komí e o outro en udmurto, linguas urálicas da póla pérmica (do grupo finougrio) faladas ao leste de Rusia, aquela por unhas 300.000 persoas e esta, aproximadamente, por medio millón. Penso que o feito é merecente da atención dos cronistas do acontecer filolóxico europeo.
Iván Kuratov (1839-1875), contemporáneo de Rosalía de Castro, no seu canto Komi kiv (A lingua komí), proclama que a súa lingua é «doce, bela, sonora» e que «Deus esquecerá o pecado» se nela rezamos. De Kudz ebaj Gerd é o poema, cheo de orgullo patrio, Eu (son) udmurto (1925) no que hai versos referidos a Outubro, a Revolución (1917) que o alentou a «cantar na lingua materna».
Estas dúas primicias figuran no número 6 do Boletín Literario Mindoniense, revista unipersoal que redacta e edita, anualmente, en edición non venal, para uns escolleitos letraferidos, César Cunqueiro. Como noutros números, ofrécenos a tradución, en castelán, de poemas en linguas pouco transitadas: cancións populares lituanas, un famoso canto de Odisseas Elytis, tres textos de Nâzim Hikmet e unha odade Hölderlin. Así pois, danse cita no presente Boletín versos traducidos do alemán, do grego moderno, do lituano, do turco, do komí e do udmurto.
É lexítima, pois, a pregunta: Pode alguén, por políglota que sexa, traducir poesía con elemental decoro desde linguas tan distintas e distantes das hispánicas? Cónstame que César Cunqueiro, xa antes de 1976, devecía por dicionarios e compendios gramaticais de moitas linguas foráneas cos que foi xuntando unha biblioteca ad hoc certamente notable e tamén me consta que ten dedicado e dedica boa parte da súa vida intelectual a desentrañar as peculiaridades léxicas e morfosintácticas de non poucos idiomas, algúns nunca traducidos ás nosas linguas. Logo, como é poeta, poeta moi consciente, traduce textos que lle interesan, e faino, estou seguro, sen atentar contra o sentido esencial da mensaxe. O Boletín Mindoniense é peza insólita e moi valiosa da bibliografía hispánica.