La Voz de Galicia

O CDG mira cara os anos 90 para achegar as inquedanzas dunha familia obreira galega

Cultura

Montse García Montse García Santiago
O equipo da nova montaxe do CDG este martes no Salón Teatro xunto ao conselleiro de Cultura, o director da Agadic e o responsable da compañía pútlica teatralO equipo da nova montaxe do CDG este martes no Salón Teatro xunto ao conselleiro de Cultura, o director da Agadic e o responsable da compañía pútlica teatral

A compañía pública estrea este xoves en Santiago a primeira produción propia do ano, «A burra, a mesa e o pau», na que se dan a man realidade e fantasía

04 Mar 2025. Actualizado a las 16:06 h.

Co conto dos irmáns Grimm de A mesa, o burro e o bastón na retina, con esa familia con poucos recursos que acaba tendo fartura, a nova montaxe propia do Centro Dramático Galego (CDG) tece unha historia na que a protagonista é unha familia obreira galega dos anos 90 con esa ambición que tamén posúe de fartura a través dun golpe de sorte ou dunha solución máxica para saír da precariedade na que vive a pesar da loita e esforzos diarios. Esta peza de A burra, a mesa e o pau, que tamén se move entre a realidade e a fantasía, é a primeira produción propia desta tempada da compañía escénica pública galega e será estreada este xoves no Salón Teatro en Santiago, onde se poderá ver ata o 20 de abril con funcións de mércores (agás esta semana da estrea) a domingo.

«É un traballo baseado na historia das familias obreiras galegas porque veño dunha familia obreira e gústame ver esas realidades no teatro, pero non desde un punto de vista meramente documental, senón tamén desde a ficción para observar desde outra perspectiva esa realidade», afirmou Lorena Conde, encargada da dirección e da dramaturxia desta montaxe. Así, apunta que nela se bota a ollada a unha familia obreira dos anos 90, falando das súas dificultades, de realidades laborais complicadas e «da necesidade de entrar no sistema ou seguir á marxe de el». A isto, apunta, hai que engadirlle outra capa do espectáculo, «que é a integración desta historia que pode parecer costumista nun marco dos contos clásicos». Deste xeito, traballan con arquetipos dos contos tradicionais e tamén coa fantasía, xa que «moitas veces para saír da miseria a familia obreira galega considera que a única forma é cun golpe de sorte e este rara vez parece que sexa traballando, senón co Gordo da lotería ou a herdanza dun familiar que non se esperaba».

De darlle vida sobre as táboas a esta traxicomedia que foi definida por completo durante o proceso creativo encárgase un elenco «interxeracional e interdisciplinar» conformado por unha quincena de intérpretes: Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar. «É un traballo moi coral», resaltou esta última actriz durante a presentación nun acto no que o equipo da montaxe estivo arroupado polo conselleiro de Cultura, José López; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.

O responsable de Cultura incidiu na importancia do teatro como ferramenta para chegar ao público en galego, ademais de destacar o papel da unidade de produción escénica da Xunta á hora de facer propostas inclusivas e accesibles. «O CDG ten que converterse nun gran laboratorio para levar adiante propostas complexas», apuntou.

A partir de mañá haberá 34 funcións de A burra, a mesa e o pau. Nesta ocasión, volverán a facilitar que desde outros concellos se acheguen a Santiago para gozar da produción, tal e como salientou o director do CDG, Fran Núñez. Así, haberá servizo de autobuses desde máis de 65 concellos das catro provincias. «Hai xente de Ribeira ou Arnoia que va veu a cinco ou seis espectáculos, o que amosa o interese», apuntou. Tamén para facilitar o acceso desde fóra de Santiago por medios de transportes públicos se apostou por funcións ás 18 horas de xeito que se poida regresar a lugares de procedencia doutras cidades, como A Coruña, Vigo e Pontevedra, cuestión complicada de ser ás 20 horas.

Esta montaxe, que conta tamén con proxeccións da Filmoteca de Galicia, tal e como lembrou o director da Agadic, estará acompañada de actividades complementarias, como as funcións de improvisacións coa participación dalgún dos membros do elenco.

 


Comentar