O festival poético Alguén que Respira! reunirá en Santiago a Montalbetti, Bitari e Hawwash
Cultura

A cita desenvolverase do 20 ao 22 de marzo e tamén poñerá o foco na Xeración dos Neos
11 Mar 2025. Actualizado a las 18:32 h.
«Poesía / vida». Ese é o lema do festival Alguén que respira!, que celebrará a súa oitava edición do 20 ao 23 deste mes en Santiago reunindo a máis de corenta poetas entre os que destacan o peruano Mario Montalbetti —«a figura máis singular da poesía en español»—, a poeta irlandesa Ailbhe ní Ghearbhuig e os palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitari. Tampouco esquece as voces galegas, nunha edición que prestará especial á Xeración dos Neos, con Lara Dopazo, Berta Dávila, Ismael Ramos e Gonzalo Hermo, entre outros.
«Esta edición céntrase nas relacións entre a poesía e a vida, é dicir, ata que punto se pode vivir instalados na poesía, ata que punto pode vivir a poesía instalada na vida, de que forma se fusionan a vida e a poesía, de que maneira a través da metapoesía esa vida se transforma en material literario onde a propia poesía é protagonista», apuntou este martes Antón Lopo, director do festival organizado polo Concello de Santiago co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta.
O escritor, crítico e docente Xosé María Álvarez Cáccamo asina o Manifesto do Día da Poesía que se lerá na xornada inaugural dun festival que incluirá recitais, conversas e espectáculos interdisciplinares. Unha das propostas singulares do programa é a que pon o foco en parellas de poetas, que comparten experiencia vital e poético, baixo o títula «O que mutuos somos». Así, participarán Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco; Alicia Fernández e Eduard Velasco; e María Sánchez e José González.
A cita abrirá o xoves 20 ás 12 horas no ambigú do Teatro Principal cun café-faladoiro entre os poetas palestinos Sammer Abu Hawwash e Mohamad Bitaria, que abordarán a escritura desde o exilio. Despois da lectura do manifesto e da primeira das citas coas parellas de artistas -que protagonizarán Rodríguez Fer e Carmen Blanco- será a quenda dun recital con Hawwash, Toni Juncosa, Ailbhe ní Ghaearbhuigh, Juanpe Sánchez López e Nieves Neira Roca. O día 21 comezará cunha conversa sobre a Xeración dos Neos, «a xeración mellor preparada da literatura galega» e grandes protagonistas da escena poética galega durante a última década, resaltou Lopo na presentación do festival xunto á concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, e ao secretario xeral da Lingua, Valentín García. Pola tarde, será a quenda da parella conformada por Alicia Fernández e Eduard Velasco, para continuar cun recital con Berta Dávila -que despois de dez anos sen amosar poesía vai ofrecer novas creacións-, Lara Dopazo, Isamel Ramos e Gonzalo Hermo. O peche desta segunda xornada será cun encontro con Mario Montalbetti.
A última xornada comezará cunha conversa entre Arturo Casas e Carlos Lema. A sesión da tarde abrirá cun percorrido polo Teatro Principal mentres se escoitan os versos de Víctor Benavides, Branca Novoneyra, Dani Salgado e Isabel Cuena. Tomará o relevo un novo encontro cunha parella vital e poética, neste caso, a que conforman maría Sánchez e José González. O peche do festival será cun recital híbrido que comenzará cunha proposta de poema escénico e cinema en directo de Helena Salgueiro. A continuación será a quenda de Miriam Reyes con El Pricto, Ilona Schenieder e Vasco Trilla cunha ópera de 40 minutos. O peche será con Flow do Toxo.
A concelleira da área de Cultura de Santiago, Míriam Louzao, resaltou que «en tempos de incerteza é máis importante ca nunca garantir espazos de liberdade». Ademais, salientou a importancia dun festival que «reivindica a poesía como instrumento de resistencia activa contra o fascismo». Pola súa banda, o secretario xeral de Lingua, Valentín García, fixo fincapé na proxección da producción literaria e poética galega ao carón das doutras linguas.