La Voz de Galicia

A Miteu celebra os seus 30 anos con 19 representacións escénicas

Cultura

Momento da presentación en Ourense da Miteu, ás portas do Teatro Principal.Momento da presentación en Ourense da Miteu, ás portas do Teatro Principal.

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense terá lugar entre os días 23 de abril e 10 de maio

02 Apr 2025. Actualizado a las 05:00 h.

A Miteu (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense) xa ten pechado o programa —nunha edición para celebrar—, que presentaron os representantes das institucións e empresas patrocinadoras. Celebrarase do 23 de abril ao 10 de maio por diferentes escenarios da cidade: Teatro Principal, Campus, Liceo, rúas e praza de San Martiño. A mostra chega á súa edición número 30 e faino cun amplo cartel, que incluirá dezanove representacións: trece das obras serán de grupos universitarios e seis de compañías profesionais. Abrirá o festival Teatro del Barrio, que chegará coa montaxe Infiltrados en Vox. O director da Miteu, Fernando Dacosta, sinalou que nesta convocatoria terán especial protagonismo aspectos como o auxe dos autoritarismos e a extrema dereita, a violencia contra as mulleres e a visión que se está xerando sobre as persoas a través da pornografía e as redes sociais.

 

volve a coruña

Toda Galicia. A vocación da Miteu está clara dende o mesmo momento do seu nacemento, e este ano volverá haber pleno galego, logo de que recuperase a súa actividade o grupo da Universidade da Coruña. Estará o 7 de maio coa súa montaxe Cartografar sen norte. Pola mostra pasarán os grupos das aulas universitarias de Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo, Navarra, Castela e León, Covilhã e Burgos.

 

 

cincuenta países

Máis de 6.000 actores. Dacosta salientou o feito de que pola Miteu levan pasado, coa incorporación este ano de Dinamarca, grupos de medio cento de países dos cinco continentes. Unha traxectoria, a destes tres decenios, que sumou 6.000 participantes vencellados aos grupos que viñeron a Ourense —este ano serán 210 persoas— e 170.000 espectadores. «Foron moitas vivencias e moitas aprendizaxes nestes anos», sinalou Dacosta —que organiza a Miteu xunto aos seus compañeiros de Sarabela.

 

 

MÉXICO E DINAMARCA

Muller e corpos. Xunto á tradicional presenza de Portugal, este ano chegarán grupos de Dinamarca e México. A compañía de danza Granhoj traerá á Miteu o espectáculo Unha Eva e un Adán —día 28, ás 20.30 horas—, proposta que desafía as convencións ao presentar os corpos nus no escenario «como un contrapunto á imaxe distorsionada que se proxecta nas reses sociais nestes tempos». O recurso dos rapaces á pornografía a través das redes e o culto ao corpo son tratados nesta montaxe que reflexiona sobre a naturalidade das persoas e a súa representación nas culturas mediáticas. O 6 de maio, o grupo Carla Novi, de México, porá en escena Luchadoras, unha peza que é un drama social sobre a situación da muller na sociedade mexicana e as violencias ás que están expostas no seu día a día, contado dende o colorido mundo da loita libre mexicana.

 

 

CURSO, SON E MOSTRA

Actividade complementaria. Fiel á súa tradición, a Miteu acolle un programa que promove actividades sobre música, fotografía e formación. Russo Nnandong, de Guinea, impartirá o obradoiro Creación do corpo reflexivo os días 3 e 4 de maio. Lucía Aldao ofrecerá un concerto o 24 de abril, e o Teatro Principal exhibirá a mostra de imaxes Mo(ve)mentos, sobre o proxecto da Casa Vella de Allariz.

 

 

Institucional

Apoio. Representantes da Consellería de Cultura, a Universidade de Vigo, a Deputación, o Liceo e Cervexas Esmorga participaron na presentación. Anxo Lorenzo, da Xunta, salientou a importancia dun proxecto «que suma tres décadas conectando profesionais e estudantes de Galicia con artistas de distintas partes do mundo».

 


Comentar