Víctor Senra: «Gañar o San Froilán non é fácil, é un rali longo e algo distinto ao resto»
Deportes
Un cuarto posto en Lugo chégalle ao piloto de Dumbría para proclamarse de novo campión galego
13 Oct 2022. Actualizado a las 18:30 h.
Aínda que na clasificación provisional do campionato galego aparece Alberto Meira por diante, o regulamento da competición —cada piloto ten que descartar dous dos seus resultados— pon a Víctor Senra (Dumbría, 1984) ás portas dun novo título autonómico, que sería o sexto consecutivo para o piloto da escudaría Yacar Racing. Un cuarto posto na 44.ª edición do Rali San Froilán chegaríalle para coroarse a falta do Ría de Arousa, a derradeira cita do calendario. Volve a Lugo despois de gañar cinco das sete probas xa disputadas e de acadar un segundo posto na carreira inaugural da tempada, o Rali da Coruña —non participou no Pazo Tizón—. Senra será de novo o rival a bater nunha proba que imaxina «moi competida» e que arranca este venres na praza Maior, ás 19.30 horas, coa tradicional cerimonia de saída.
—Leva a conta das veces que correu o Rali San Froilán?
—Non, a verdade é que non, pero seguro que son unhas cantas. O ano pasado non vin porque xa era campión galego. Correr en Lugo sempre me fai ilusión porque se trata dun rali moi bonito e atípico, xa que se fan varios tramos de noite. Ademais, desta volta chegamos coa opción de ser campións, así que o obxectivo será ese.
—No seu palmarés só ten un triunfo nesta proba. Foi no 2018. Vén a Lugo con contas pendentes?
—Non, non, para nada. Gañar o San Froilán non é fácil, xa que é un rali longo e algo distinto ao resto. Ademais sempre conta cun gran nivel de participantes.
—Cinco tramos a dobre pasada. Demasiados?
—O percorrido é bastante longo e complicado. En Lugo sempre son tramos difíciles, con moitos cambios de ritmo. Eu, persoalmente, prefiro ralis máis curtos, pero hai que adaptarse a cada sitio e a cada organizador.
—Cal dos traxectos cre que pode marcar as diferenzas?
—Calquera pode ser decisivo. O primeiro, en Bonxe, quizais sexa o máis complicado porque é un tramo sucio.
—As previsións meteorolóxicas anuncian néboa.
—Pois aínda se nos complica todo un pouco máis.
—É o peor para un piloto?
—Sen dúbida. Non ves nada, é moi perigoso.
—Vendo os seus resultados nas probas disputadas, é unha obviedade que será o rival a bater.
—Vai ser unha carreira moi reñida. Aí estarán Alberto Meira, Francisco Dorado ou Adrián Díaz, entre outros, que correrán moito e terán moitas ganas de gañar. Imos intentar estar por diante deles, pero se non se pode, neste caso valeríanos estar por detrás, así que non nos imos complicar. Teremos que correr con cabeza.
—Está a só un título do sexto e de igualar con Germán Castrillón no liderado do palmarés do campionato galego. Irá polo sétimo.
—Iso espero. Gañar sempre motiva e eu sigo coa mesma ilusión que o primeiro día. Pero primeiro hai que gañar o sexto.