Seguimos indo a por nota, progresamos cara ao cum laude
Deportes
O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, ve a Teresa Portela moi preto e bater un novo récord, e a todos os barcos españois debutantes este martes nun grande estado de forma
06 Aug 2024. Actualizado a las 17:37 h.
Como diciamos o luns, o piragüismo español, e galego, busca o cum laude nestes Xogos. Logo da primeira xornada, podemos dicir que progresa adecuadamente cara esa excelencia. Xa temos como mínimo un diploma olímpico, e con opcións claras de pelexar polas medallas no K4 500 feminino. A Teri —Portela— véxoa moi preto de bater outro récord, que non sería xa os seus sétimos Xogos, senón a súa segunda medalla olímpica. Nos anteriores Xogos entrara como última embarcación na final, ex aequo, e agora fíxoo asegurando o diploma.
No primeiro día víronse embarcacións tapadas polo sistema de competición, xogando co resultado na procura dunha rúa que cren mellor para os seus intereses o día da final correspondente, en función da previsión de tempo, sobre todo, do vento. Con todo, os barcos españois están moi ben colocados, ningún perdeu opcións de conseguir medalla. E a sorpresa, relativa, témola no C2 masculino, que demostrou que non é un barco tapado, cun tempo, 1.37,78, ao alcance de moi poucos barcos no mundo, quedando a 38 centésimas dos chineses, e sen gastar todo o que pode andar. Os K2 masculinos deron a sensación de poder pelexar tamén polas medallas, logo de competir no K4, que xa se viu que xunto ao alemán, andan moito.
Hai embarcacións que nas competicións van in crescendo, e outras que van moi ben nas eliminatorias e logo non nas finais. Claramente, o equipo español demostrou ter chegado a París nun bo momento de forma, e que progresa adecuadamente para o rendemento que poden dar os seus barcos. Todos demostraron estar nun grandísimo momento de forma. Desde España podemos seguir soñando, tamén en Galicia, con ese cum laude.