La Voz de Galicia

As grandes potencias impoñen o seu dominio no ciclo olímpico

Deportes

Fredi Bea, presidente da Federación Galega de Piragüismo

O presidente da Federación Galega de Piragüismo, Fredi Bea, salienta a desvantaxe coa que padexaron Antía Jácome e María Corbera na final do C2 500 polo vento de contrazurdos na pista gala, tamén a importancia da capacidade de resiliencia das dúas padexeiras para repoñerse de cara a final do C1 200

09 Aug 2024. Actualizado a las 18:46 h.

Na final do C2 500 de Antía (Jácome) e de María (Corbera), demostrouse o impacto do factor pista cando padexan dúas deportistas do mesmo lado. O C2 español, con dúas zurdas, viuse afectado por un vento de contrazurdos, do pantano cara a grada, un hándicap que fixo que non puideran manter a mesma velocidade que moitas das súas rivais, ao ter que facer o xesto técnico do repaleo, por carecer a canoa de temón. E inda así, Antía e María pelexaron ata o 250 entre as tres primeiras. Pero o esprint final das ucraínas, subcampioas en Tokio, acabou coas opcións das nosas padexeiras, que acumularon a fatiga do desgaste extra polo vento.

No K2 500 masculino, Arévalo e Germade dixeron que se atoparon mellor na final B ca na súa semifinal, que foi máis rápida ca outra e na que, inda así, pelexaron ata os últimos metros por estar na regata polas medallas. Demostraron estar nun grande estado de forma, gañando de principio a fin a final B. O barco de Cooper e Del Río si tivo oportunidade ata o final de conseguir o bronce. Os alemáns víronse superiores desde o principio, cos australianos pelexando cos alemáns, e os húngaros e os españois vindo por detrás. Volvemos ver o que se comproba no histórico dos Xogos Olímpicos: Hungría, Alemaña e Australia dominando no caiac masculino, e China e Ucraína na canoa.

Carolina (García) e Sara (Ouzande) fixeron o único que podían facer para tentar estar entre as catro primeiras nas semifinais do K2 500 feminino, saír moi fortes. E durante 470 metros estiveron aí. Na súa semifinal había barcos de máis peso e calidade ca na outra, na que Carolina e Sara terían estado entre as catro primeiras e pasado á regata polas medallas, pero así son os Xogos. As dúas demostraron un grande estado de forma, pelexaron entre as mellores, e ao final, non tiveron sorte. Había bastante onda, e sendo menos pesadas e non tan grandes como as rivais, as ondas dificultábanlles máis a competición.

En canto a Crespo no C1 1.000, non competiu tan ben como sabe ata a final B, demostrando que lle queda camiño e traballo por diante. O pico de forma dos grandes da canoa, Isaquias, Fuksa, empezou a partir dos 25-26 anos, e a Crespo (22 anos) inda lle queda un ciclo olímpico máis para pelexar pola final.

Este sábado imos ver, sobre todo, se Antía e María son quen de recuperar psicoloxicamente do de onte, nun C1 200 con grandísimos barcos.


Comentar