La Voz de Galicia

Non hai peor cego que o que non quere ver

Deza

19 Mar 2010. Actualizado a las 02:00 h.

Non hai mellor cego que o que non quere ver. Ese é o dito que mellor define o escrito feito da comisión executiva municipal do PSdeG-PSOE de Lalín sobre o sector leiteiro. Porque xa nos teñen acostumados a posicionarse tarde sobre asuntos que afectan aos veciños de Lalín, pero resulta bochornoso que tarden máis dunha semana en enterarse de que a empresa Lactalis comprou Puleva (despois de que se leve falando desde tema varios meses) e, por enriba, intenten defender os intereses do Goberno amigo de Zapatero. Sinxelamente resulta lamentable, e bo reflexo da falta total de ideas e de iniciativa que teñen os socialistas a nivel local, autonómico e nacional.

A primeira vista, resulta sorprendente que os socialistas se remonten a 1993 para criticar a xestión do Goberno galego naquelas datas na compra de Larsa por un grupo francés. Sexamos serios e haberá que preguntarse se non haberá cousas máis recentes que criticar e recordar para explicar a difícil situación que vive o sector leiteiro galego ou é que aos socialistas non lles interesa falar da ineficaz xestión levada a cabo polo Goberno bipartito da Xunta ou a inexistente política agrogandeira da ministra galega do Goberno Zapatero nos últimos seis anos, facendo oídos xordos ás constantes demandas de reparto da cota láctea ou pechando os ollos á entrada masiva de leite foránea. É máis, se os socialistas se remontan a 1993, por que non ir un pouquiño máis atrás, concretamente a 1986, cando España entrou a formar parte da Unión Europea logo dunha nefasta negociación do Goberno de Felipe González, que deixou ao sector gandeiro español nunha situación de total indefensión fronte aos seus competidores europeos e que era un avance dos males que estamos a sufrir actualmente?

Pero deixémonos de falar de pasado para centrarnos no presente e, sobre todo, no futuro do sector leiteiro galego. Os socialistas lalinenses empéñanse en defender ao Goberno amigo de Zapatero, querendo culpabilizar á Xunta da compra de Puleva por Lactalis. Pero esquécense dunha cuestión importante pola que o Goberno central é un dos principais protagonistas do paso desta empresa española a mans francesas: o Goberno central ten unha importante participación no capital de Puleva e é un dos principais accionistas desta empresa. Tanto desde o grupo de Goberno de Lalín como o propio conselleiro de Medio Rural calificamos esta compra como unha mala noticia, ao supoñer unha oportunidade perdida para lograr un sector máis sólido e con posibilidades de competir en Europa. O que deberían facer os socialistas é mirar cara adiante e buscar saídas á complicada situación que viven os nosos gandeiros. Podían empezar copiando as medidas que o presidente de Francia, Nicolás Sarkozy, está a implantar no seu país: aos 1.650 millóns en axudas anunciados no no mes de outubro, sumouse a pasada semana o anuncio doutros 850 millóns de euros de novos préstamos. Aquí, a ministra galega de Medio Rural mantén totalmente no esquecemento ao sector, cun claro mensaxe aos gandeiros de «sálvese quen poida».

Ademais, tal e como xa reclamamos en reiteradas ocasións desde o propio concello de Lalín e tamén desde a Consellería, é fundamental que o Goberno de Zapatero faga públicos os datos das entradas e saídas do leite no mercado español, de xeito que se poidan facer previsións e reaccionar para evitar situacións perxudiciais para os gandeiros galegos e baixadas dos prezos do leite.

Remato volvendo ao principio. Non hai peor cego que o que non quere ver, e os socialistas de Lalín pechan os ollos ante a inexistente política de apoio ao sector gandeiro do Goberno de Zapatero e intentan enganar aos lalinenses con acusacións totalmente surrealistas á Xunta de Galicia en temas que non son da súa competencia. Estamos fartos de que a incompetencia do Goberno socialista se intente tapar botando balóns fóra e culpando a outras administracións dos problemas que non son capaces de resolver. Que cada pao aguante a súa vela e, no caso do sector leiteiro, se nombramos a ministros e comisarios europeos é porque os socialistas de Lalín nunca se deixaron ver en defensa dos gandeiros. Manuel Fernández, concelleiro de Actividade e Producción Agraria de Lalín


Comentar