«Nos meus contos gústame transmitir tenrura e humor»
Deza
A lalinense Margarida Fernández presenta hoxe ás 20.00 horas o libro infantil «O Porco Farruco» no Pazo de Liñares
03 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
O Pazo de Liñares, na parroquia de Prado (Lalín), acolle hoxe ás 20.00 horas a presentación do primeiro libro de Margarida Fernández, natural de Bermés. Trátase dun libro infantil titulado O Porco Farruco e publicado por Edicións Fervenza. A autora conta que «nos meus contos gústame transmitir tenrura e humor». Este é un libro ilustrado por Sabela Cadarso, e conta Margarida que para ela é moi importante que os nenos o pasen ben mentras len contos, por iso inclúe tamén ilustracións que dinamicen a lectura.
O argumento xira en torno a un porco do rural. Conta Margarida que «é un porco que está tan feliz que non lle importa o que digan os outros porcos». O argumento do conto segue con que o porco «vive plácidamente ata que aparece algo que o desacouga e que lle empeza a gustar moito, unha porquiña», afirma a autora sobre a presión que sinte o protagonista por modernizarse e cambiar a súa imaxe. «Desmorónase a súa tranquilidade». A moralexa final do conto basease no amor propio, cando o porquiño descobre que sendo el mesmo o éxito está asegurado.
A autora, que leva máis de vinte anos de mestra de primaria en Vilatuxe, sempre foi unha amante da literatura. «Fun durante 20 anos a encargada da biblioteca do centro e dinamiceina lendo contos aos nenos», dixo. Para Margarida Fernánez, os seus alumnos foron un estímulo para crear contos, «moitas das obriñas de teatro que inventaba xiraban en torno aos nenos que tiña na clase, adáptabame a eles». O Porco Farruco está dedicado ás nenas e nenos do colexio de Vilatuxe, aos que Margarida sempre lle gustou ler contos e transmitir o amor pola nosa lingua.
Acompañando a autora na presentación estarán Xosé Manuel Baamonde, docente na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo; o escritor e porfesor Mario Pereira; e a ilustradora do libro Sabela Cadarso. Así mesmo, o acto contará con acompañamento musical da man da música tradicional de Alexandre Cadarso.
Polas circunstancias Covid o acto estará condicionado polas medidas necesarias para que se fagan respectar as distancias de seguridade, sendo obrigatorio o uso de máscara. Recoméndase ao público que se achegue trinta minutos antes do comezo da presentación para evitar aglomeracións. A entrada será libre ata completar o aforo.