O homenaxeado Florencio Delgado Gurriarán e a súa familia lalinense
Deza
A súa curmá Toñita Delgado López e varios parentes residen na vila
14 May 2022. Actualizado a las 05:00 h.
O próximo 17 de maio, Día das Letras Galegas; unha das citas máis importantes do calendario cultural galego, recoñecerase a traxectoria do escritor, editor literario e activista político Florencio Delgado Gurriarán, nado en 1903 no Córgomo en Vilamartín de Valdeorras (Ourense), vila na que se darán cita os seus familiares para renderlle unha sentida homenaxe; entre eles tamén estará parte da familia que mantén na actualidade o poeta en Lalín. Na capital vive a súa curmá Toñita Delgado López, a coñecida viúva do carteiro José Luis Castro «Micón»; natural do Córgomo, cuxo pai era familiar directo de Florencio, e varios parentes.
Nesa rama familiar está Fernanda Castro Delgado, filla de Toñita, que non oculta a loita levada a cabo pola familia ao longo de moitos anos para que se lle dedicara un Día das Letras Galegas a Florencio, «todos pensamos que se merecía este homenaje, que tardó, pero finalmente llegó y toda la familia estamos encantados pese a que muchos, como es mi caso, no tuvimos la oportunidad de conocerle», afirmó Fernanda Castro.
De feito, un amplísimo grupo de familiares do poeta de Vilamartín de Valdeorras; da rama dos Delgado, entre eles a propia Fernanda, manterán unha xuntanza este domingo no Córgomo para lembrar a Florencio e disfrutar dun xantar; «algunos parientes viajan desde México y Estados Unidos donde viven para asistir a la comida familiar y tomar parte posteriormente el martes en el acto de homenaje que se le tributará a Florencio con motivo del Día das Letras Galegas».
Unha celebración que foi institucionalizada pola Real Academia Galega no ano 1963 co gallo de homenaxear a un autor u autora pola súa defensa e promoción da lingua galega, tal como fixo Florencio Delgado ao longo da súa traxectoria vital.
Un Florencio que atesourou viaxes pola profesión do seu pai, perito agrónomo, que o levou por distintas cidades como Ourense, Valladolid e Palencia para voltar ao concello que o veu nacer en 1928. Logo partiría para México onde fundou a coñecida revista Vieiros xunto con Luis Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a coñecida Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia.
A obra do avogado e poeta Florencio Delgado Gurriarán está recollida en varias publicacións; dende Bebedeira, Galicia infinda e Cantarenas, ata Poemas e O soño de Guieiro. O ourensán tamén se fixo cargo da selección e tradución de varios poemas franceses, que están incluidos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego e a tradución mesmo do Cemiterio mariño de Paul Valéry.
Delgado Gurriarán publicou tamén numerosos escritos de prensa nos que foi quen de asinar os textos como Porto do Río, Xan do Sil, R. Miño en claras alusións as terras galegas, ademais de facelo tamén como Nadel e Korgomófilo lembrándose así de Córgomo, a terra que o veu nacer e que agora lle tributará unha homenaxeará neste vindeiro 17 de maio.