Encantadas, si, pero...
Deza
23 Jul 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Estamos encantadas de ver como se consolida o Xacobeo Clarinet Fest en Lalín. Encantadas de educar o ouvido noutros rexistros fora do costume, de escoitar falar inglés, francés, castelán, portugués, italiano no Casino; e de sentarnos na praza para ver os días de xullo caer ó ritmo de batutas que veñen de lonxe e ás veces de moi lonxe. En definitiva, de ter o noso parasol de verán, porque tamén é verán para quen quedamos. Moitas grazas.
Pero así non. Tras catro edicións. Onde están as mulleres músicas? Exclusivamente como acompañantes dos solistas ou como alumnas? No repertorio dos concertos. Onde están as compositoras? Sabido é que estar sen igualdade, nas marxes, é non estar. No Xacobeo Clarinet Fest o equipo docente compóñeno 18 persoas, das que tres son mulleres. Dos nove concertos programados na Praza da Igrexa, sete contan con dirección de orquestra, e os directores son… homes. Ningunha muller. Os solistas dos concertos son homes. Ningunha muller solista.
Urxe, faise necesario levantar o pano, desde unha teoría feminista sobre a desvantaxe social que priva ás mulleres do seu dereito para estar en calquera eido. Porque só desde a crítica poderemos abrir fendas nas estruturas de poder, que son deficientes se non contan coas mulleres. E ademáis é ilegal, a Ley Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para la igualdad efectiva de mujeres y hombres di «las autoridades públicas velarán por hacer efectivo el principio de igualdad de trato y de oportunidades en todo lo concerniente a la creación y producción artística e intelectual, y a la difusión de la misma». Hai mulleres músicas e talentosas, porque o traballo e o don non ten sexo. Teñen que estar.
Programar non resulta unha tarefa fácil, cando se quere corrixir desigualdades históricas e perpetuadas por tradicións e desidias. Non facelo así, cunha vontade manifesta de xustiza e recoñecemento á metade da poboación, as mulleres, delata a colaboración cun patriarcado opresor que discrimina ás mulleres, consolidando esquemas herdados. E mentres tanto, as nenas seguen mirando ós palcos e quedándose fora, porque seus iguais, seus referentes non están. E así, deixamos programas e carteis que seguirán sendo estudados como desiguais e faltos de realidade, e un camiño igual de difícil, baleiro de historias para quen o comece a camiñar. Porque ter a quen mirar dá tranquilidade e posibilidades de futuro.
E non teremos a quen botarlle a culpa de non ter empregado a cultura como ferramenta transformadora e atenta. E claro que somos feministas, non selo daríanos moita vergonza.
*Mónica González Otero e Pilar Álvarez Blanco