La Voz de Galicia

Tereixa Constenla: «O pobo portugués foi quen transformou un golpe militar nunha revolución popular»

Deza

David Cofán A Estrada / La Voz autora de «»

A xornalista estradense presenta o seu libro «Abril é un país»  xunto á cantante Uxía Senlle no Mome

14 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 25 de abril Portugal saíu á rúa para rememorar e celebrar o cincuenta aniversario da Revolución dos Caraveis, unha sublevación militar contra a ditadura que mudou nunha revolta popular a cal conduciu ao país veciño cara a democracia. A xornalista estradense Tereixa Constenla (Arca, 1968) realizou un exhaustivo traballo de investigación para trasladar outras ópticas sobre este acontecemento histórico fundamental na historia contemporánea portuguesa. Ese esforzo tomou forma no libro Abril é un país. Os heroísmos descoñecidos da Revolución dos Caraveis, que presenta esta tarde (20.00 horas) no Mome da Estrada acompañada pola cantante Uxía Senlle.

 

Tereixa aténdenos a poucas horas de coller o coche e viaxar de Lisboa, onde traballa dende 2021 coma correspondente, á Estrada, o seu segundo fogar. «Vou moitísimo, alí está o meu pai, amigos e demais familia», asegura. Non vive aquí dende moi nova, deixando Arca para ir á universidade. Tras moitas voltas aterrou na capital portuguesa para cumprir un desexo persoal e profesional. «É un país que sempre me gustou, os galegos temos unha relación moi íntima e próxima con Portugal. Foi un agasallo xornalístico nun momento profesional moi interesante, no que aprendo moito, e permitiume descubrir a revolución portuguesa de viva voz», apunta.

—O subtítulo fala de «heroísmos descoñecidos». Achega novas voces sobre os feitos?

—Sempre aclaro que os heroísmos descoñecidos da revolución o son para nós, para eles son totalmente coñecidos e algúns apreciados, estimados e admirados. Algunhas voces si son testemuñas novas. Houbo unha viaxe atrás no tempo para contar cómo era aquel Portugal da ditadura, na guerra colonial, que foi o xerme, xa que o golpe á ditadura naceu nas guerras coloniais en África. Aporto entrevistas cos misioneiros españois que estaban en Mozambique e axudaron a documentar e contar ao mundo unha das masacres máis terribles que cometeu o exército portugués, a de Wiriyamu, onde morreron máis de 300 persoas. Ese informe que sacaron de forma clandestina do país abaneou definitivamente a imaxe da ditadura portuguesa en todo o mundo e empurrouna cara o fin.

—Trátase dunha revolución iniciada polo exército. Cales son os motivos para a sublevación?

—Era un exército bifurcado, había unha cúpula militar devota do réxime e logo os mandos intermedios, que eran os que facían a guerra en Mozambique, Angola e Guinea-Bissau. Eran conscientes de que era unha guerra perdida, primeiro polo illamento internacional de Portugal, e máis importante, porque a causa estaba errada, defendían algo que non se tiña que defender naquel momento: un colonialismo que dende a Segunda Guerra Mundial estaba en revisión. Eles non querían ser o chivo expiatorio desa derrota e nace en África ese espírito rebelde. Nun primeiro momento nace coma unha revolta profesional, non política, pero iso deriva dun xeito natural nun movemento que en 9 meses conspira, organiza e fai que a ditadura máis longa da Europa occidental se veña abaixo de forma pacífica.

—Cal foi o papel e a postura do pobo nesa revolución?

—Foi un dos procesos máis interesantes deste acontecemento. Os militares planifican un golpe pacífico e sen desexos de violencia ou vinganza, pero non unha revolución popular. Nas primeiras horas, en canto a poboación e consciente deste movemento, saen á rúa en masa. Os militares sublevados daban a consigna de que a xente quedara na casa para evitar riscos, pero desobedecen as ordes. Entón o pobo portugués convértese nun elemento máis, eles son os que transforman o golpe militar nunha revolución popular. É un día de xubilo e iso evidénciase no primeiro de maio, cando hai unha masa inmensa de persoas que saen á rúa, xuntos, de todos os partidos. Máis que calquera visión política concreta, o que unía a rodos era o desexo de liberdade.

—Seguen vixentes os ecos do 25 de abril ou as novas xeracións están esquecéndoo?

—É unha memoria bastante viva. Houbo unha sinal evidente na celebración do 50 aniversario da revolución en Lisboa. A xente saíu de xeito masivo ás manifestacións e estaban cheas de xente nova, non eran só os nostálxicos. Iso desmonta a mensaxe de que os novos abrazan a causa da extrema dereita. Hai un nutrido grupo de mozos que son moi conscientes do legado do 25 de abril e saíron á rúa para defendelo.

—Cómo foi a confección do libro?

—O libro empezou a estar na miña cabeza en xullo do 2021, cando cheguei a Lisboa. Pero o traballo máis intenso foi no último ano, no que mergullei na obra e metinme a facer entrevistas. Fixen máis de vinte e tiven acceso a documentación inédita sobre o capitán Maia. Un traballo intenso que cadrou nun momento da política portuguesa moi revolto.

—Da a impresión de que cada vez interesa máis o que acontece en Portugal.

—Eu penso que si, tamén xa era hora (ri). Creo que vivimos alleos ao que acontece en Portugal cando é o noso veciño principal e temos tantas cousas que nos vencella e nos axudan a tender pontes.


Comentar