La Voz de Galicia

Homenaxe e presentación en Lamela dun libro póstumo de Fernández Abella

Deza

daniel gonzález alén silleda

Asistiron unha vintena de escritores e pintores de Deza-Tabeirós

22 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O pasado mércores celebrouse unha xuntanza literaria na localidade dezá de Lamela, para tributar unha sentida homenaxe ao profesor e poeta Xoán Xosé Fernández Abella (1933-2023) coa presentación do seu libro póstumo Últimos poemas de eloxios e outros poemas, saído do prelo da editorial Fervenza de Silleda. O acto comezou co recitado de algunhas das composicións deste derradeiro poemario, a cargo do empresario e mecenas, Miguel Villar, de quen partiu a idea de convocar a unha vintena de escritores e pintores amigos do homenaxeado, os mais deles das comarcas de Deza e Tabeirós, no Encanto do Camiño de Lamela, onde compartiron un xantar, a cuxa sobremesa tamén interviñeron varios oradores, para gabar a vida e obra do homenaxeado que nos deixou hai pouco maís dun ano.

 

Nado en Monforte de Lemos en 1933, Xoán Xosé Fernández Abella, logo de estudar Maxisterio e Dereito, emigrou a Venezuela onde estivo cinco anos, ata principios da década dos setenta do pasado século, para xa de volta, exercer coma mestre en varios municipios galegos. Moi vinculado ao Concello da Estrada, no que participou en numerosas actividades culturais, foi o pregoeiro da IX Romaría Enxebre do San Marcos de Lamela no ano 2019.

Nos últimos anos da súa proveitosa existencia, residiu no municipio coruñés de Teo, e cumpridos os noventa anos deixaba na imprenta o ultimo dos seus libros de poemas en galego, co premonitorio titulo Últimos poemas de eloxios e outros poemas, que por desgraza, non chegaría as súas mans, ao finar o 17 de agosto de 2023, un par de días antes de que o poemario saíra da imprenta.

 


Comentar