La Voz de Galicia

Alba Rodríguez, presidenta de Randela: «Novas propostas, como a nosa, veñen ampliar a oferta formativa»

Deza

amelia ferreiroa lalín / la voz

O canto tradicional ofrécese no programa, xunto con instrumentos e mesmo teatro

28 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Ao seu avó Manuel débelle Alba Rodríguez Diéguez (Dozón) a súa paixón pola música tradicional. Lembra a presidenta do recentemente constituído Centro de Interpretación da Cultural Tradicional Randela de Lalín as moitas veces que con el acudiu ás festas parroquiais. «Meu avó non sabía tocar pero moito lle gustaba a música! Foi o que nos meteu esta paixón no corpo a miña irmá e a min»; constata Alba, que lembra con exactitude os seus primeiros pasos musicais.

—En que momento se deu entón exactamente o seu inicio musical?

—Tendo eu seis anos cando me atopei co que foi o meu profesor ata os 15, Hipólito Cabezas que dirixiu en Lalín a Banda de Gaitas da Deputación aquí na aula da vila, e que seguramente moita xente coñece. Foi un proxecto moi bonito o que se levou a cabo, pero finalmente parou... Naceu a agrupación Carballo da Manteiga, da que formei parte, e recentemente decidimos apostar por este novo proxecto.

—Nova andaina que nace nun concello, e nunha comarca, na que non faltan dende logo as agrupacións tradicionais.

—É certo pero novas propostas, como a nosa, veñen ampliar a oferta formativa. Pode parecer curioso pero sempre hai oco para novos grupos que axiña forman parte dos catálogos para futuras contratacións.

—Levan o nome de Randela, por algo en particular?

—Non. É unha palabra que nos gustou para poñerlle ao centro, e que moita xente da zona usaba con bastante frecuencia. Pódese comparar coa expresión de andar ao leilán, andar de troula...

—E, que ofrecen dende o centro Randela?

—Ofrecemos música tradicional, diversas actividades e un ambiente cómodo no que a xente veña gozar sobre todo, que o pase ben nas clases, á hora de ensaiar ou de dar un concerto, e que non signifique ningunha obriga acudir ás formacións. Iso é o que realmente pretendemos facer, e é a idea coa que naceu este proxecto.

—Teñen definidas todas as materias que impartirán?

—Si xa contamos coa listaxe de materias, e do cadro de persoal co que contaremos para este curso. A oferta formativa pasa polas clases de tambor, gaita, pandeireta, canto e baile tradicional e contaremos tamén coa posibilidade de que os interesados se anoten en clases de teatro. Rosa Núñez será a encargada de impartir esta última disciplina, Andrea Rodríguez farase cargo das ensinanzas de gaita, Aarón Rodríguez das clases de tambor, canto e baile tradicional será tarefa de Luís Villanueva e eu encargareime de impartir as ensinanzas de pandeireta. Dicir que xa distribuímos os días de ensaios; estando os luns pechados para as clases de teatro, mentres que os venres serán para os ensaios dos instrumentos de gaita, tambor e pandeireta, e reservamos os sábados para o canto e o baile tradicional.

—Randela é unha formación con pouco tempo de vida pero, contan con local para ensaiar?

—Si o concello cedeunos un local fronte ao Pavillón Municipal de Lalín, que compartimos con outros colectivos, e será onde levemos a cabo os ensaios e toda a actividade do noso centro.

—Están en plena captación de alumnado?

—Como outros moitos grupos. A nosa intención é comezar coa actividade dentro de poucos días, polo que temos a matrícula aberta e así a manteremos ao longo de todo o ano. Iso servirá tamén para que nos coñezan, xa que como dicías somos moi novos como centro xa que a nosa andaina comezou nos primeiros días de agosto. Animamos á xente a que veña, nos coñezan, gocen e o pasen ben.

«Temos previsto realizar o día 5 a presentación do que será o noso primeiro curso»

Cun chisco de nerviosismo afronta a directiva do Centro de Interpretación da Cultura Tradicional Randela a que será a súa primeira tempada formativa, despois de haberse presentado ao público recentemente en Dozón, máis concretamente o pasado 1 de setembro en Sanguiñedo con motivo das festas da parroquia.

Un curso en Randela, para o que se están formalizando desde principios de mes as matrículas, «e que temos previsto realizar a presentación o sábado día 5 ás 18.30 horas na aula fronte ao pavillón municipal para comezar as clases ao luns seguinte, o día 7 de outubro», comenta Alba.

No aspecto formativo do centro destaca a amplitude de idades dos futuros alumnos, dende os 5 anos en diante, «sendo a matrícula de balde, e por unha actividade cobraranse 10 euros, por dúas serán 15 euros e se se matricula un terceiro membro dunha mesma familia a actividade resultaríalle gratuíta», comenta a presidenta da agrupación lalinense.

Á espera da presentación formal de Randela e da posta en marcha de toda a actividade, nos futuros proxectos da agrupación está realizar obradoiros polas parroquias. «Pensamos que sería unha boa maneira de levar a nosa música e o noso baile tamén polas aldeas, para que a xente goce co noso, e tamén abrir a posibilidade a novas incorporacións», aclara Alba. Aproveita a responsable da nova formación local para que esta opción cultural sexa tida en conta polos pais e nais á hora de pechar as actividades extraescolares dos seus fillos neste inicio de curso académico. «A cativada pode aprender a tocar un instrumento, a cantar, bailar ou mesmo apuntarse as clases de teatro que pensamos que é unha prolongación marabillosa das outras materias que impartiremos. Haberá grupo de iniciación e de perfeccionamento».


Comentar