Dúas décadas na busca da calidade
Deza
21 Dec 2024. Actualizado a las 20:52 h.
Tras 20 anos de adhesión, cun amplo cumprimento dos requisitos do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos da Secretaría de Estado de Turismo, a cuxo compromiso de calidade están adscritos máis de 7.000 empresas privadas e organismos públicos de toda España, o Museo Etnográfico Casa do Patrón de Codeseda ven de recibir o terceiro premio SICTED na modalidade de Servizo Turístico máis competitivo, en recoñecemento aos seus logros en materia de competitividade, grazas á mellora continuada da calidade no servizo turístico prestado aos milleiros de persoas que aquí se achegan. Trátase dunha distinción de moito prestixio, que constitúe para nós un verdadeiro orgullo e, sobre todo, un estímulo para continuar loitando aínda con máis forza na busca da profesionalidade, a calidade, a dedicación e o compromiso integral cos nosos clientes, aos que nos debemos.
Poñemos así o broche de ouro a outro ano cheo de actividades moi relevantes, como a musealización da zona habitacional do Castro de Doade, a edición da Malla Tradicional de Lalín, a Recreación do Proceso do Liño, o Seminario de Saúde e Vida Natural, a VI edición da Aldea no Nadal, a edición e publicación dos libros Malla Tradicional de Lalín, Festa de Interese Turístico de Galicia, o Dicionario de amuletos galegos e o Manual de Obradoiros Educativos, xunto coa atención de preto de 15.000 visitas e máis de 4.000 alumnos e profesores de colexios galegos, e a habitual recompilación, restauración, conservación e exposición de milleiros de pezas etnográficas e arqueolóxicas da nosa terra.
A verdadeira profesionalidade non ten prezo e require aptitude, preparación e experiencia, pero sobre todo, un amor incondicional polo traballo, xunto cunha actitude positiva, xerando empatía con compañeiros, xefes e clientes, que pronto se traduce en resultados satisfactorios, tanto para o propio traballador, como para o empresario, e sobre todo, para os destinatarios finais do noso traballo. Ven a ser unha continuación do agarimo co que as avoas cociñaban a fogo lento, o vello carpinteiro mimaba as veas da madeira, o barbeiro nos afeitaba a modiño con escuma e navalla, ou cando o médico de cabeceira nos escoitaba co máximo interese na súa consulta, sen estar pendentes do reloxo, do horario, nin escatimaba esforzos para desenvolver a conciencia o seu impagable labor, premisas que debemos manter vivas, se queremos prestar un servizo da máxima calidade. Pola nosa banda, continuaremos buscando a excelencia, a diferenciación, a fiabilidade e a rigorosidade na promoción da vasta oferta etnográfica, arqueolóxica, gastronómica e de natureza da Casa do Patrón, coa finalidade de acadar un óptimo nivel de experiencias e satisfacción nos nosos visitantes, porque estamos convencidos de que aínda existe moito percorrido no eido do turismo en Lalín e en Deza en xeral, unha encrucillada de privilexio no corazón de Galicia, que na miña modesta opinión, pasa por ter unha absoluta confianza nas nosas posibilidades reais de converter o turismo nun piar básico da economía da zona, unha maior profesionalización do sector, un mellor coñecemento dos enormes recursos naturais, culturais, patrimoniais e gastronómicos existentes na comarca, e unha total utilización e maior versatilidade de horarios do comercio local, museos e demais establecementos relacionados co turismo, para tentar cubrir as necesidades actuais dos nosos múltiples hóspedes nas datas e horas pico ou fins de semana coa finalidade de aproveitar ao máximo o tirón de público xa existente, susceptible dun considerable incremento cara a futuro. Esperando que sexamos capaces de crer, traballar xuntos coa fe necesaria para que este vello soño se converta nunha espléndida realidade, vos desexamos a todos bo Nadal e un venturoso 2025.