La Voz de Galicia

«No consumidor medra a aposta polo alimento natural e de calidade»

Deza

amelia ferreiroa lalín / la voz

Aplaude a aprobación das novas normas técnicas no selo de artesanía

27 Apr 2025. Actualizado a las 05:00 h.

A Xunta reforzou o Selo de Artesanía Alimentaria coa aprobación dunha ducia de novas normas técnicas, once con dependencia da Consellería de Medio Rural e unha da Consellería do Mar, co que se ampliará significadamente o volume de empresas inscritas neste selo e que se sitúan actualmente en 124. Unha nova que acolle con satisfacción o enxeñeiro agrónomo lalinense e presidente da Asociación de Operadores de Artesanía Alimentaria, Carlos Brea.

—Poden ampliar horizontes con estas novas normas.

—Así é. Ábrese un abanico máis grande, que era moi importante conseguir. As novas normas permiten engadir á listaxe a manteiga, vermú, vinagre de viño e de sidra, licores, augardentes e outras bebidas espirituosas, zumes, hidromel, o pan, fariñas, empanadas, comidas preparadas e tamén as conservas. Tiñamos determinados produtores que estaban interesados en contar co selo, caso do Muíño de Cuiña, e que agora poderá obtelo.

—Que significa para un produtor contar co Selo de Artesanía Alimentaria?

—Dá un respaldo contra aquelas empresas, moitas veces grandes multinacionais, que se poñen as súas etiquetas de artesás e non o son. O selo o que fai é ampararnos nese eido para poder defendernos. Cónstame que a Xunta está intensificando os controis neste asunto, algo moi importante para nós. Logo, para o consumidor o selo permítelle saber que é un produto artesán, elaborado en moitos casos no rural onde cultivamos as nosas propias hortalizas que despois transformamos, pero tamén permite saber como se traballa e que nos coñezan. Penso que o Selo de Artesanía Alimentaria é un escaparate moi interesante.

—Nuns momentos nos que se tenta fuxir da burocracia, é moi complexo pechar a documentación precisa?

—O control sempre é complicado, pero hai que ollar a importancia de contar con este documento que significa tamén unha seguridade ao consumidor.

—O consumidor coñéceo ou é preciso poñer en marcha iniciativas encamiñadas a divulgalo?

—Estase informando sobre o mesmo a través dos mercados de artesanía alimentaria realizados en Lalín; en dúas ocasións, Santiago, Lugo... Moitas tendas informan de que contan con este tipo de produtos, e tamén se fixeron campañas en radio e televisión.

—Dos 124 artesáns alimentarios inscritos na actualidade, cantos son da comarca?

—De Lalín somos uns catro ou cinco, e a nivel comarcal unha quincena. Case un 10 % dos rexistrados pertencemos á comarca. A provincia de Lugo é q que máis artesáns proporciona, é a zona con máis queixos por exemplo, pero a nivel comarcal posiblemente sexamos a máis importante da autonomía e coa posibilidade de que sumemos moitos máis a partir de agora. Animámolos que se dean de alta no selo, xa que son produtos de calidade que supoñen tamén recuperar tradicións e favorecer o asentamento no rural. Intentamos colonizar de novo esas zonas rurais con proxectos moi interesantes, espallados por todo o territorio, e a maioría procedentes de pequenos obradoiros que son visitables e que están emprazados en zonas rurais.

—Como produtor que é, e con selo de calidade en vigor e como presidente da asociación de operadores, que lle di a experiencia? Búscase máis produto natural?

—Si, claramente. Existe unha alta preferencia pola calidade. No consumidor medra a aposta polo produto natural e de calidade. Existe unha maior preocupación pola alimentación, por mercar productos que sexan sans e de proximidade. Recentemente estivemos coa artesaneta, un pequeno posto no que se servían varias propostas culinarias, na celebración da Festa do Requeixo de As Neves e á xente sorprendíalle o ben que sabían as hamburguesas ou as cremas. Iso non debería ser unha sorpresa... O problema é que a maioría acostuma a comer unha hamburguesa, por poñer un exemplo, que pouco leva de produto natural.


Comentar