La Voz de Galicia

Seivane le o pregón na Estrada e Lalín celebra o seu Serán

A Estrada

D. C. /  lalín, a estrada / la voz R. G. lalín, a estrada / la voz

Os concellos da zona acollen hoxe actos culturais e lúdicos en todos os formatos para festexar o Día das Letras Galegas

17 May 2022. Actualizado a las 05:00 h.

A meirande parte dos municipios da zona festexan hoxe o Día das Letras Galegas con programas lúdicos e culturais.

Na Estrada a gaiteira Susana Seivane será a encargada de ler o pregón ás 12.00 horas na alameda municipal. Deseguido terá lugar a tradicional ofrenda floral diante do monumento aos irmáns Marcial e Avelina Valladares. A continuación haberá unha actuación da Banda de Gaitas de Barbude. En caso de choiva, o acto trasladarase ao teatro Principal. Pola tarde, ás 19.30 horas, a Banda de Música Municipal da Estrada ofrecerá na Praza do Mercado o seu Concerto das Letras, que se chove tamén se trasladará ao Principal. Estreará a Muiñeira do Salmón, do músico e compositor estradense Simón Couceiro.

 

 

Na xornada de onte luns, a asociación cultural Vagalumes —integrante da Plataforma Queremos Galego— instalou pola mañá na rúa unha mesa informativa para chamar á participación na manifestación prevista para hoxe en Santiago e no acto público celebrado onte pola noite no Mome, onde o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, analizaba a situación do galego e a ameaza que supón para el a nova lei do audiovisual. Tamén á noitiña o Principal acollía a representación da peza Tras os vierios de Florencio, na que a compañía Fantoches Baj repasaba a vida e a obra do autor homenaxeado este ano.

 

En Cerdedo o Centro Cultural acolle hoxe ás 19.00 horas a representación de O ladrón de paraugas e en Forcarei o 17 festexouse por adiantado o sábado cuanha Ruada das Letras na honra de Avelino Cachafeiro.

 

 

 

En Lalín celebrarase o tradicional Serán das Letras Galegas, aínda que nesta ocasión será na carpa do Campo da Feira en lugar da Carballeira do Rodo a causa da choiva prevista. Porén, a estrutura da cita mantense. Ás 12.00 horas haberá un obradoiro sobre Técnicas de castañetas no baile tradicional galego que impartirán Xisco Feijoo e Carlos Quintá. Deseguido, ás 13.30 será a sesión vermú con Os D'Abaixo e de 14.30 a 17.00 o xantar popular. Ás 17.00 horas dará comezo o Serán presentado por Celso Fernández Sanmartín e coas actuacións de Ailola de Lalín, Ponte da Prada de Botos, Os Trasnos de Doade, Os Dezas de Moneixas, Grupo de Gaitas Repenicando e Carballo da Manteiga.

 

 

En Rodeiro, o Concello celebra o Día das Letras Galegas cunha actuación no centro cultural Manuel Lamazares que terá lugar ás 17.00 horas. Trátase dun espectáculo de contacontos e cancións a cargo do Bardo Abelardo titulado, Contos e cantos que coidan da terra. A entrada para esta actuación é de balde e a posta en escena está dirixida a todos os públicos. En Agolada estaba previsto que a Banda de Música Municipal levara o ritmo das celebracións coa quinta edición da Andaina Musical. Sen embargo, a previsión meteorolóxica obrigou aos organizadores a suspender a ruta musical polo mal tempo, adiándose o percorrido de 5,5 quilómetros coas actuacións da Catibanda, a Pequebanda, a Banda Xuvenil, os grupos da cámara da banda e a propia formación musical de Agolada.

 

 

 

En Silleda, o Mosteiro de Carboeiro abrirá as súas portas de xeito excepcional en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.30 a 19.00 horas. Ademais, agasalla dende o venres unha cunca coa imaxe do homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán, a todos os empadroados no municipio de entre 12 e 30 anos que se acheguen á Casa da Xuventude. Do mesmo xeito, en Vila de Cruces conmemoran o Día das Letras Galegas entregando agasallos ao tecido empresarial do concello coa entrega de 1.300 bolsas e 500 gardamanteis para a hostalería coa imaxe de Delgado Gurriarán.

 

 


Comentar