La Voz de Galicia

«Somos o único restaurante de Lalín que non fai cocido» O máis complicado do oficio. O mellor.

Lalín

Amelia ferreiroa lalín / la voz Cociñeira do Restaurante Asturiano de Lalín

Peixes e mariscos frescos, e fabada son dende sempre as especialidades con máis sona

19 Nov 2017. Actualizado a las 05:00 h.

Cando a ampla maioría dos establecementos hostaleiros de Lalín se afanan xa na elaboración do cocido, o prato rei da gastronomía lalinense, o Asturiano continúa coa súa carta de peixes e mariscos recén chegados das lonxas galegas e unha fabada que non precisa de carta de presentación. Nunca foron de facer cocido, e a explicación ven directamente de Ana Buján Fernández, a segunda xeración de cociñeiras do restaurante.

-Cada un ten que elaborar aquelo que lle sae mellor e aquí hai grandes profesionais que fan un cocido fabuloso. O noso son os peixes e mariscos frescos e a fabada que nunca pode faltar. Somos o único restaurante de Lalín que non fai cocido. Digamos que somos a alternativa a aqueles que non queren ou non lles gusta o cocido, que os hai claro.

-Antes de entrar en máis profundidade no asunto; entendo que pasaría bo parte da infancia na cociña pero, ¿quería adicarse a isto?

-Está claro que comecei a andar rodeada de potas, na cociña do Asturiano ao carón de miña nai, e sempre que podía facía algún doce. A repostaría tradicional sempre me gustou; e con catro ou cinco anos xa facía tarta de galletas a escondidas , cando ela non estaba (risas). E aínda que son Técnico Superior en Restauración, título que acadei no Carlos Oroza de Pontevedra, primeiro fixen Administración e Finanzas pero non me gustaba nadiña. O meu era a cociña e aquí estou. Tiña claro que esta tiña que ser e é a miña profesión.

-Detrás da fundación do Asturiano están seus pais?

-Moita xente nos pregunta o por que do nome e se meu pai é asturiano pois non é de Asturias. A historia do Asturiano hai que buscala máis de 45 anos atrás que foi cando meu pai José Buján, que naceu preto de Palas de Rei, chegou a Lalín para facer unha substitución en calidade de encargado da cafetería e restaurante do Palacio e tivo o coñecemento de que se traspasaba o Asturiano e colleuno. Viña para estar en Lalín quince días e leva máis de 45 anos. Nós, miña irmán María José e mais eu, criámonos na taberna que segue funcionando actualmente xa que o restaurante ten catorce anos de existencia e del ocupámonos as tres. Meu pai está habitualmente na taberna pero tamén bota unha man aquí.

-Dicía que dende sempre o cocido non entrou nas especialidades da casa.

-Pois non. Somos de fabada asturiana, peixes e mariscos de primeira calidade e moi frescos. Diso se fai cargo meu pai que segue madrugando para escoller o mellor peixe e marisco nas lonxas galegas. Se conxelas un produto perde e nós non traballamos con produto conxelado. Un produto fresco é fresco e non perde calidade nin propiedades. É mellor esperar dez ou quince minutos polo prato que comelo requente.Como dicía somos a alternativa ao cocido cunha mariscada perfecta no centro de Galicia.

-Lalín é moito máis que cocido?

-Dende o meu punto de vista si. O cocido é un gran reclamo pero hai máis: boa carne, peixes, mariscos... e podes mandar a calquera a comer o que queira no pobo.

-A fabada só no inverno?

-Non témola todo o ano pola petición expresa da xente. Coa divulgación do Camiño de Inverno son moitos os peregrinos, sobre todo os chegados de Alemania e Finlandia que teñen un poder adquisitivo medio-alto, e que aprecian moito o que temos na carta. Recentemente tamén tivemos varios cordobeses... É importante apostar polos Camiños a Santiago e por sermos quenes de acoller o fluxo de peregrinos que paran na vila no seu percorrido a Compostela.

O máis complicado do oficio. A presión en cociña que é enorme á hora de sacar as comandas no menor tempo posible e perfectamente cociñadas.

 

O mellor. O trato cos comensais e a satisfacción de velos satisfeitos e con ganas de repetir a experiencia culinaria.


Comentar