La Voz de Galicia

«Nós criámonos nun realismo máxico»

Lalín

Rocío Ramos Lalín / la voz

Namorado da palabra este lalinense triunfa nos platós e nos escenarios contando historias

13 Sep 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) descubriu por primeira vez o poder da palabra cando era monaguillo na igrexa de Lalín. «A nós encantábannos as partículas e, cando chegaban podíamos comelas pero logo tras dicir unhas palabras quedaban consagradas. Esa transformación para min era un misterio grandísimo», conta. Logo, fora do ámbito sagrado anos máis tarde tivo a revelación na medicina popular de mans da señora Elena de Agruchave «que me levantou a paletilla dúas veces». Unha práctica que tiña parte física de tocar e colocar «e unha de ritual cun xesto e unhas palabras recitadas en segredo que eran o remedio».

Por deformación profesional leva con el «un detector de xente interesante». Bástalle «ver a forma de moverse ou a primeira palabra que da». «A palabra _­engade_ é o principal atractivo das persoas». De observar, conversar e escoitar foi atesourando historias de vida e tecendo puntadas dun oficio, o de narrador oral, que domina como ninguén e namora con paixón e que o leva a contar en escenarios de toda Galicia, de España e do mundo.

«Nós criámonos nun realismo máxico. Escoitabas relatos de vida e os míticos no sentido clásico como os mouros e outras como as que contaba meu avó de que vira de pequeno unha galiña de ouro cuns pitiños de ouro que se meteron por un burato. Eu debía ser moi mal comedor e pola fiestra da cociña mirando para o castro de Donramiro contábanme que alí había un tesouro. Para min o mundo estaba cheo de tesouros, de misterios e de xente que os contaba», explica.

Lalinense ata a medula, chegou ao mundo cando aínda se nacía nas casas, na familiar da rúa Cacharela coa axuda da señora Piedade, a parteira, que asistiu a súa nai. Non lembra que quería ser de pequeno, pero si que, «ía sempre co meu avó as leiras, á horta e os traballos que había e eu entendía que esa era a vida». Na horta segue atopando agora moita felicidade. Seu pai foi camioneiro, súa nai e súa avoa foron costureiras e o seu avó ademais era xastre. Foi monaguillo moitos anos e nalgún momento, conta, «pensei ser sancristán». O que máis lle gustaba era encargase de abrir a igrexa e con ela en silencio subir a tocar o órgano pequeno de dous pedais sentindo o son «porque eu tocaba pero non sabía música». No colexio di que non lle ía moi ben por distraído e a súa nai a mestra lle dicía que «o rapaz é listo pero pasa unha mosca e vai con ela». Poeta e escritor non é de estrañar que a literatura, a historia e a arte foran as súas favoritas.

De sempre entendeu que «había que gastar pouco e axudar no que se podía». Axudaba descargando camións de mineral con seu pai. Foi monitor de tempo libre, voluntario e membro dunha morea de asociacións e «facía polvoróns na casa para vender no Nadal». Confesa que «dábaseme moi ben, pero nunca tiven sentido comercial. Sempre fun un apaixonado do que fago pero sen cargarlle a importancia ó rédito económico». Empezou a contar historias na Universidade. Fixo Filosofía en Santiago e «alí metinme no comité cultural que era moi activo e para min foi unha universidade paralela». En Lalín estaba no voluntario social e «en toda canta asociación había». Aínda hoxe anda metido en todos os fregados defendendo o asociacionismos como «a verdadeira escola da democracia».

Traballou dez anos da residencia de As Dores como animador e cando marchou seguiu co de contar historias afondando nese oficio como xeito de gañarse a vida. Para el a cousa mudou en profesional «no momento que cobrei». A final do ano pasado o traballo o levou a coller once avións seguidos a Perú, Tenerife, Gran Canaria, Portugal, Roma e Madrid... «pero a parte que máis me emociona e me sustenta é a miña relación coa xente vella e co que me contan. O traballo de campo é o que máis me motiva», afirma. A súa devoción son as mulleres da parroquia de Zobra onde «está a xente máis lista que eu coñezo», afirma.

Dentro de moitos anos quere verse «no mesmo sitio» falando e compartindo historias. «Outra cousa é que profesionalmente poda seguir ou non no que se converteu nun oficio que vai en min», matiza. «Estou contento. Como di meu pai: non hai coma un só levándose ben». Coa pandemia, explica, «estou vivindo dos aforros» tras varios meses a cero con todo anulado «incluídas citas como unha en Chile nun festival de narración oral».

Precisamente estes días acaba de gravar un pod cast cunha entrevista de hora e media que Iberoamericana de cuento lle están a facer aos narradores participantes entre os que se atopaba. Hoxe estará contando en Ames.

A semana que ven entrará na imprenta o seu novo libro de poesía titulado Libro para a casa dos avós de Noelia de Alperiz que xurdiu de xeito inesperado tras visitar a casa dos avós dunha muller que estaba a restaurala e sentir alí unha enerxía extraordinaria. Ían ser uns versos e acabaron sendo 146 páxinas. Os dereitos de autor irán para axudar a refacer a vivenda.

 


Comentar