Creando cultura cervexeira en Lalín
Lalín
Presentouse a nova edición especial de Toupiña, aprazada pola pandemia
14 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
A única cervexa con todos os seus ingredientes galegos é lalinense e chámase Toupiña. Esta é a idea de dous enxeñeiros que quixeron escapar da súa oficina en Lugo para gozar do rural e impulsar dende a terra de Carlos, unha homenaxe ao seu tío avó Secundino, coñecido agarimosamente como «Toupa». O pasado luns presentaron na praza das Pipas a súa cuarta cervexa especial, que tivo que ser aprazada polo estoupido da pandemia. Ata este acto con música e cata incluída, achegáronse persoeiros da vila como Luis Fernández, dono da empresa Coreti, o músico Benxamín Otero, e o narrador Celso Fernández.
O evento presentou a súa nova cervexa especial, non pola graduación, senón polo sabor. Cada ano a cervexa Toupiña reinventase cos ingredientes locais cultivados na finca de Lagazós, no 2020 produciron unha Indian Pale Ale amarga, moi aromática e de pouca graduación, das que se comercializarán 1930 botellas de 33 centílitros, lembrando o ano que naceu o seu tío avó e 203 de 75 cl con estoxo de madeira, tamén honrando a data de nacemento de Toupa. Esta bebida é especial tamén pola súa etiqueta, deseñada cada ano por un artista dezano, nesta ocasión Misha Bies Golas, que súmase a Armindo Salgueiro y Damián Paío.
En Lagazós, terra natal de Carlos Brea, atópanse as fincas e a fábrica onde Toupiña faise realidade. Carlos e Elena posúen varias fincas con certificado ecolóxico, unha de 5.00 metros cadrados con 2.500 destinados á produción do lúpulo, e outra á cebada cervexeira. O proceso de elaboración é sinxelo pero laborioso, coidando cada detalle como a recollida do lúpulo, que se fai a man recolectando de flor en flor os mellores conos florais. Posteriormente sécanos e envásanos ao baleiro para evitar a súa oxidación e obter o punto de amargor preciso. A cebada tamén é tratada con agarimo, manteándoa en León cunhas características ao gusto destes empresarios galegos.
Un proxecto cuxa principal finalidade é reivindicar a cultura cervexeira en Lalín. De feito, Carlos e Elena planean no futuro realizar visitas á fábrica de Toupiña, con catas da cervexa, tentando dese xeito seguir aproximando o mundo desta milenaria bebida nos padais non só dos veciños de Lalín, senón de tódolos galegos, cun compromiso ecolóxico que emana do xeito de coidar a natureza do seu tío avó.