La Voz de Galicia

Os Mestre Mateo descentralízanse e celebrarán a edición do 2025 en Lalín

Lalín

amelia ferreiroa lalín / la voz

A cita máis importante do audiovisual galego terá lugar o 15 de marzo

08 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A cerimonia dos Premios Mestre Mateo, que sempre se celebrou nalgunha das grandes cidades galegas, mudará na súa XXIII edición de escenario para facelo en Lalín. A cita anunciada onte no vestíbulo do consistorio lalinense, para o próximo 15 de marzo no Lalín Arena, contou coa presenza do presidente da Deputación de Pontevedra Luis López que estivo acompañado polo deputado de Cultura Jorge Cubela, o alcalde de Lalín José Crespo e o presidente da Academia Galega do Audiovisual Álvaro Becerra. Este último encabezou a rolda de intervencións salientando a lonxevidade dos Mestre Mateo dentro das similares expresións que se levan a cabo no estado español, e agradeceu a implicación da deputación para que «se poidan facer cousas nos entornos non urbanos xa que a cultura ten que estar en todas partes», en referencia á descentralización desta gran cita do audiovisual galego. O anuncio feito público onte da sede lalinense da vixésima terceira edición dos premios coincidiu, como afirmou Álvaro Becerra, coa apertura do prazo de presentación de candidaturas ás distintas categorías que se veñen premiando todos os anos nos Mestre Mateo.

Despois de poñer en valor o audiovisual galego como unha potencia para crear unha identidade visual e unha industria capaz de xerar riqueza e emprego, o presidente da Deputación de Pontevedra salientou que «descentralizar os Mestre Mateo non é afastalos de ningures. Todo o contrario. É achegalos a unha realidade que nos ten contado o audiovisual e que merece agora do máximo compromiso posible». O mandatario provincial dixo que a proposta da Deputación de levar os Mestre Mateo ao rural atopou na Academia e no Concello de Lalín aos mellores aliados, e que esta iniciativa atende a dúas apostas: «a primeira reafirmar o apoio da Deputación á cultura e ao audiovisual, e a segunda pasa por descentralizar os grandes eventos, algo que no que Lalín é un bo exemplo ao acoller recentemente un partido da Selección Española de balonmán ou ser escenario agora do Internacional Six Days Enduro». Rematou o presidente amosando a súa satisfacción por poder gozar na provincia dunha superprodución que, «máis ca un final feliz, terá final en Lalín».

Ao alcalde José Crespo quedáballe, remarcou, só agradecer que Lalín vaia acoller a entrega destes prestixiosos galardóns, grazas á Deputación e á Academia. Lembrou o rexedor que descentralizar actos é bo para Galicia; «somos unha aldea global e todos levamos terra nos pés, mesmo os que viven no medio da Coruña». Parabenizou a sensibilidade da Deputación á hora de repartir actividades polos pobos, «non todo ten que ir para as cidades, e é necesario darlle vida a todos». Apuntou que se estuda a posibilidade de contar con público na entrega dos premios.


Comentar