La Voz de Galicia

Un «liberal comprometido co avance da ciencia en España» nacido en Lalín

Lalín

d. cofán Lalín / la voz

09 Oct 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou no Paraninfo da Universidade de Santiago o Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao matemático José Rodríguez, natural de Bermés (Lalín). Unha figura nomeada Científico Galego do ano 2024 co gallo do bicentenario do seu pasamento, que foi recoñecido polo presidente da academia, Juan Lema, quen salientou a súa orixe humilde e como «a base de esforzo e dun talento excepcional, transformouse nun catedrático admirado, no primeiro científico de Galicia». Do mesmo xeito, referiuse a el como «un científico internacional e un liberal inquieto e modernizador».

Puxo de relevo que foi «probablemente o primeiro científico galego en atinxir unha dimensión internacional, unha persoa infinitamente curiosa, ávida de coñecer novos campos e comprometida co avance da ciencia en España». Tamén mencionou o valos das súas longas estancias no estranxeiro coma en Francia, Reino Unido e Alemaña, que permitíronlle manter un contacto directo co pensamento ilustrado e as ideas liberais, «en completo contraste coas inmobilistas imperantes en España». Lema salientou que «resulta infrecuente atopar nos científicos españois en xeral e galegos en particular da época un interese tan grande por establecer e manter conexións coa comunidade científica internacional en ámbitos tan diferentes como as matemáticas, a xeodesia, a astronomía, a cristalografía ou a mineraloxía».

Tras proxectar un vídeo no que se abordou a traxectoria vital, interveu o catedrático Francisco Díaz-Fierros, quen destacou a «sona internacional» do matemático «ao que lle foron ofrecidos postos relevantes de Arxentina e Rusia».


Comentar