José Canda e Manuel González, premios Lalinenses do Ano 2024
Lalín
Os galardóns entregaranse o 27 de decembro no edificio sociocultural
20 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
O xurado dos Lalinenses do Ano 2024, reunido o pasado mércores, acordou distinguir co recoñecemento de Lalinense do Ano na categoría individual a José Canda Rodríguez, presidente da Federación Galega de Motociclismo, e a Manuel González Aller, fundador do club rugbi Lalín na categoría toda unha vida.
Os integrantes do xurado, no que figuraban representantes de distintas asociacións culturais e musicais, cooperativas, clubes deportivos, artistas e medios de comunicación, decidiron premiar a José Canda Rodríguez polo labor como organizador de dúas das probas de motociclismo que máis xente congregou na capital comarcal nos últimos dous anos; como foi a celebración do Mundial de Enduro (2023) e o Six Days (2024). Por outra parte por ser o principal defensor da práctica do rugbi en Lalín, pola súa traxectoria ao fronte do club lalinense, e por haber impulsado esa práctica deportiva nos anos oitenta, Manuel González Aller será distinguido o día 27, ás 20.30 horas, no edificio sociocultural.
«É un orgullo a afección conseguida, e que o equipo feminino fose o primeiro federado»
Con moita ledicia acolle Manuel González Aller o recoñecemento que Lalín lle tributará pola súa defensa na práctica do deporte do rugbi, cando dita disciplina deportiva era unha perfecta descoñecida no pobo.
—Pensa que no ano 87 cando cheguei a traballar a Lalín ninguén coñecía o rugbi aquí (sorrí). No pobo xogábase ao fútbol e balonmán, nada máis, e cando pedía que puxeran algún partido na tele ata case te miraban mal (rí).
—Pero iso non lle impediu fundar o club. Como foron aqueles anos?
—Moi difíciles. Non tiñamos permisos, nin campo para xogar, nin nada. Cedéronnos os de Canteiras do Areal unha explanada en Muimenta, na Balouta, que era unha toxeira pero alí tiñamos os adestramentos e xa te imaxinas como viñan os rapaces (sorrí). Xogamos en Dozón, Rodeiro... O primeiro partido de presentación foi no ano 1988, e a verdade é que en catro ou cinco anos xa tiñamos equipos en todas as categorías. Comezamos a contar con afección, e estou moi orgulloso diso, como tamén dos máis de mil xogadores que pasaron polo club ao longo destes anos. E orgullo tamén enorme de que o equipo de mulleres fose o primeiro federado de Galicia.
—É presidente honorífico do Rugbi Lalín, segue xogando?
—Á miña idade? (ri) Non. Aguantei ata os 50 anos. Xogaba cos veteranos de Lalín e cos de Santiago, pero tiven unha lesión e aí parei, e agora dedícome a velos xogar e a deixar que as directivas fagan o seu traballo como mellor lles pareza.
—Que bota en falta?
—Mellores instalacións deportivas, sen ningunha dúbida.
«É un recoñecemento a anos de traballo, non só dos dous últimos, que marcaron un fito»
Agradecido polo recoñecemento como Lalinense do Ano 2024 se amosaba José Canda Rodríguez, presidente da Federación Galega de Motociclismo, aínda que puntualizaba que o traballo non se concentra exclusivamente nun ano.
—Entendo que é un recoñecemento a anos de traballo, non só dos últimos anos, que certamente marcaron un fito pero para chegar aí foi preciso traballar moito e moi duro, e non sempre se ve recompensado.
—Notou, entón, falta de apoios para coas probas que organizou?
—Claramente. Queremos probas de primeiro nivel, e conseguimos traelas con moito esforzo como foi o Mundial de Enduro do ano 2023 ou o Six Days que celebramos recentemente, pero a implicación da hostalaría e dos hoteis foi moi mellorable. Mira! Unha copa estaba a seis euros e pasa a once cando se celebra o Six Days, un cuarto nun hotel estaba a 45 euros e para as datas das probas sobe a 90 euros... As colaboracións para coa organización foron mínimas... Así non se pode.
—Está decepcionado?
—Decepcionado e canso. Falta respaldo a iniciativas desta envergadura, pero logo presumimos de que se celebraron aquí.
—Canto tempo foi preciso para organizar o Six Days?
—Foron seis meses de traballo intenso, e que ninguén pense que foi doado traer un Mundial ou un Six Days... Isto non é traer á París de Noia! O Six Days cumprirá no ano 2026 cen anos de vida e só veu a España en catro ocasións, celebrándose en Navarra, Madrid, Barcelona e Granada. Este ano, por vez primeira a Galicia, e con presenza en Silleda, Lalín, Santiago...
—Hai posibilidade de que se repita a posibilidade dun Mundial de Enduro ou un Six Days na zona?
—Sinceramente, véxoo difícil. Son desas ocasións deportivas que posiblemente non se volvan repetir na vida, e estou moi orgulloso de que viñeran.
—Que novidades nos agardan en motociclismo para o ano que vén?
—Haberá probas do campionato galego, pero o que está claro é que desde a celebración do Six Days hai un antes e un despois no seo da Federación Galega de Motociclismo.