La Voz de Galicia

Proposta para declarar Fillo Ilustre de Lalín a Manuel Villanueva

Lalín

20 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

O goberno de Lalín leva ao pleno ordinario de decembro, que terá lugar o vindeiro día 27 ás 10 da mañá, unha proposta para outorgarlle a Manuel Villanueva de Castro a distinción de Fillo Adoptivo de Lalín, concesión dunha das distincións honoríficas e condecoracións reservadas a personalidades polos seus méritos especiais ou servizos a favor do municipio lalinense.

A Comisión de Honras e Distincións no seu informe recolle que Manuel Villanueva, natural de Marín, contribuíu «dun xeito notable e desde o ano 2002 ao traballo de divulgación da Feira do Cocido como comunicador e creador galego cunha destacada experiencia no ámbito televisivo». Villanueva desenvolveu o seu labor como directivo na TVG, Antena 3 Televisión, Canal Plus e ata hai pouco como director xeral de Contidos de Telecinco, que desde Madrid, «fixo que a nosa Feira estivese incluída sempre en espazos televisivos preferentes na cadea, non só o día grande, senón ao longo da celebración de máis dunha vintena de actos ao redor desta Festa de Interese Turístico Internacional», como recolle dito informe. Lembra a comisión que o comunicador galego recibira no 2012 o agradecemento do pleno, na sesión do 2 de maio, polo seu apoio á feira, e fixéraselle entrega por aquel entón dun pergamiño acreditativo dese agradecemento no salón de plenos do Concello de Lalín o 9 de xuño dese ano.


Comentar